A Estación Científica do Courel celebra o 21 de setembro unha xornada sobre agroecoloxía e produción ecolóxica
A Estación Científica do Courel celebra o vindeiro 21 de setembro a xornada ‘ Agroecoloxía e produción ecolóxica’, unha actividade formativa e de divulgación que se prolongará en quenda de mañá e tarde e que será impartida por Xan Neira, Elena Díaz, Carlos Brea e Belén Díaz.
O programa da xornada, que conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, inclúe relatorios e obradoiros prácticos de compostaxe e labores culturais. Así, as distintas sesións expositivas versarán sobre as vantaxes da agroecoloxía na mitigación e adaptación ao cambio climático, principios básicos e estratexias de agroecoloxía, o solo e a xestión da materia orgánica e a nutrición das plantas, rotación alternativa e asociación de cultivos e protección de cultivos.
A inscrición nesta xornada está aberta ata o 16 de setembro na páxina web da Estación Científica do Courel, onde as persoas interesadas poden cumprimentar o formulario en liña. Tamén é posible formalizar a matrícula a través do enderezo electrónico estacion.courel.inscricions [at] usc.es (estacion[dot]courel[dot]inscricions[at]usc[dot]es). Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 600942418 ou no enderezo antonio.rigueiro [at] usc.es (antonio[dot]rigueiro[at]usc[dot]es).