A Estación Científica do Courel celebra o Día da Conservación do Solo cunhas xornadas sobre as montañas courelás
A Estación Científica do Courel súmase aos actos conmemorativos do Día Internacional da Conservación do Solo coa celebración dunhas xornadas sobre o terreo das montañas da serra courelá, un foro de divulgación científico promovido pola USC en colaboración coa delegación galega da Sociedade Española de Ciencias do Solo (SECS), o Xeoparque Internacional da Unesco Montañas do Courel e o Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel, entre outras entidades, que se desenvolverá durante tres xornadas desde o 9 ata o 11 de xullo.
O cometido destas xornadas é o de concienciar sobre a importancia dos solos para a sociedade e p área a conservación do medio ambiente, segundo subliña o profesor do Departamento de Edafoloxía da USC e coordinador científico das Estacións Biolóxicas da USC, Xosé Lois Otero, quen tamén salientou a coincidencia desta actividade co Día Internacional da Conservación do Solo, unha efeméride que se lembra cada 7 de xullo desde 1963 en memoria do investigador do Servizo de Conservación do Solo dos Estados Unidos Hugh H. Bennet, quen dedicou boa parte do seu traballo a mellorar a produtividade agrícola dos solos a través da súa protección e dun manexo axeitado.
Para Bennet, a base da sociedade está na terra produtiva. Aínda así, a día de hoxe, o solo carece dun recoñecemento normativo axeitado que garanta a súa conservación do mesmo xeito que se teñen aprobado normas que protexen a fauna, flora ou mesmo os valores xeolóxicos, lembra Otero, ao tempo que recoñece a complexidade que supón visualizar e visibilizar a relevancia económica e ambiental da codia terrestre. Daquela, este investigador da USC ve un paradoxo que a progresiva degradación, cando non destrución dos solos, se estea a producir xusto cando se dispón de máis información e coñecemento sobre a importancia do solo para a preservación dos ecosistemas e da produtividade agrícola.
Programa e visitas
As xornadas sobre os solos das montañas do Courel comezarán o venres 9 de xullo, ás 18.00 horas, na Estación Científica de Seoane, cun acto inaugural no que intervirán a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, o deputado provincial Roberto Castro e o propio Xosé Lois Otero. Esta sesión servirá asemade para a presentación do libro ‘Ribeira Sacra: Conservación del Suelo y Construcción del Paisaje’, un volume coordinado por Esperanza Álvarez e Manuel Álvarez, catedráticos da USC e da UVigo, respectivamente.
O catedrático de Xeografía Augusto Pérez Alberti abrirá de seguido a quenda relatorios cunha exposición baixo o título ‘O efecto dos xeos no modelado das montañas do Courel’. A continuación, o profesor Guitián Rivera falará sobre o sistema agrícola tradicional e a organización do espazo nas montañas courelás.
Durante a fin de semana, os congresistas inscritos como participantes nestas xornadas visitarán e analizarán sobre o terreo diferentes tipos de solos, ademais de achegarse ata instalacións senlleiras como poden ser as adegas de viño, almazaras de aceite ou o Museo Xeolóxico de Quiroga. Así, a comitiva das xornadas acudirá o sábado a parte sur da serra courelá para visitar en Quiroga e Ribas de Sil solos sobre os sedimentos do rio Sil, Coluvios e mesmo os solos desenvolvidos sobre os rexeitos das antigas minas de ouro dos romanos. As xornadas rematarán o domingo logo dunha sesión matinal que levará aos participantes pola área central e norte do Courel, nas que poderán ver solos sobre morrenas, rocha calcaria e coluvios periglaciares.