A Estación Científica do Courel mantén aberta a inscrición na xornada de iniciación á micoloxía que celebrará o 21 de outubro

A Estación Científica do Courel celebrará o vindeiro 21 de outubro unha nova xornada de iniciación á micoloxía centrada na diferenciación entre cogomelos comestibles e velenosos. As persoas interesadas en participar nesta actividade formativa e de divulgación que xa vai pola súa quinta edición poden formalizar a súa inscrición de balde ata o 17 de outubro a través dos números de teléfono 982 821 901 e 600 942 418 ou ben nos enderezos de correo electrónico ro_rodriguezlopez [at] hotmail.com (ro_rodriguezlopez[at]hotmail[dot]com) e Antonio.rigueiro [at] usc.es (Antonio[dot]rigueiro[at]usc[dot]es).
O programa desta xornada sobre cogomelos comestibles e velenosos, un foro recoñecido pola Xunta de Galicia como actividade formativa do profesorado non universitario, comezará cun relatorio de achegamento ao mundo da micoloxía a cargo de Juan Luis Fernández Lorenzo, profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra.
As principais características que diferencian as especies comestibles das velenosas centrará a intervención do catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, que pechará o programa matinal.
Xa en quenda de tarde, unha saída ao monte para identificar e recoller cogomelos baixo a guía do presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, servirá de colofón desta xornada de iniciación á micoloxía.