A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con organiza unha xornada sobre novos modelos de xestión da pesca deportiva
A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con organiza este venres 24 unha xornada sobre os novos modelos de Xestión da Pesca Deportiva en Francia, unha nova actividade do proxecto europeo Migranet que contará coa presenza do coordinador do organismo de xestión da conca do río Adour na rexión de Aquitaine (Francia), François-Xavier Cuende. O encontro dará comezo ás 20.00 horas no Auditorio do hotel Los Abetos de San Lázaro en Santiago aberto a todas as persoas interesadas. Intercambiar experiencias sobre os novos modelos de xestión da pesca deportiva desenvolvidos en Francia é o obxectivo desta iniciativa na que ademais se informará sobre os obxectivos de Migranet, e máis concretamente sobre o proceso de creación dunha rede de control de peixes migradores no espazo do suroeste europeo e sobre a instalación de dispositivos de contaxe e captura destas especies. Migranet, co financiado polo Programa SUDOE a través de fondos FEDER da Unión Europea, ten por obxectivo central configurar unha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do suroeste europeo. Para alcanzar este obxectivo, estase a por en marcha un Observatorio das poboacións de peixes migradores do Espazo SUDOE que vele pola súa conservación e recuperación. Ademais, os datos obtidos polo observatorio serán utilizados para a elaboración dun Documento Marco de Xestión e Conservación dos recursos que incluirá propostas dos axentes socioeconómicos implicados. Participan tamén no proxecto a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal, o Institut National da Recherche Agronomique (INRA) de Aquitaine en Francia, o Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto (CIIMAR) e, como asociado, o Aquamuseu do Rio Minho da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira. Para máis información sobre as actividades e resultados do proxecto está dispoñible a páxina web: http://www.migranet.org.es