O estadounidense Ian Gregory ofrece unha conferencia no CACTUS o xoves dentro do seminario sobre información xeográfica
O Sistema de Información Territorial da Universidade de Santiago (SIT) e a Rede Galega de Investigación en Información Xeográfica (REDIX) continuarán este xoves 13 coas conferencias do seminario ‘Sociedade da Información e Información Xeográfica’, que se desenvolve no edificio CACTUS do Campus de Lugo.
O seminario inclúe unha serie de conferencias nas que interveñen especialistas nacionais e estranxeiros co obxectivo de achegar a información cartográfica á sociedade en xeral e en particular á comunidade académica, como un servizo de apoio nas investigacións e estudos. Trátase dun proxecto cofinanciado pola Consellaría de Innovación e Industria.
Despois da conferencia de Lluis Colomer i Alberich, subdirector xeral técnico do Institut Cartogràfic de Catalunya, co título ‘IDEs y Geoinformación: la experiencia de Cataluña’, e a viodeoconferencia con Tim Nyerges, da Universidade de Washington, co título ‘Public Participation GIS. Refections on and Directions for PPGIS Research’, as charlas continuarán o xoves 13, ás 19:00 horas.
No próximo relatorio Ian Gregory, da Universidade de Lancaster, falará destes sistemas de información xeográfica aplicados á historia. Este especialista é profesor do Departamento de Digital Humanities e coordinador da rede británica de investigación en SIX aplicados á historia e forma parte do órgano coordinador de Electronic Cultural Atlas Initiative, unha iniciativa mundial de cartografiado de información histórica, etnográfica e antropolóxica. A súa investigación céntrase en procesos demográficos históricos.
O seminario rematará o día 17 con dúas intervencións máis. Ás 12:00 horas o subdirector xeral do Instituto Xeográfico Portugués, Rui Pedro Juliao, falará do desenvolvemento dunha infraestructura de datos neste país. Seguidamente, o subdirector xeral de Aplicacións Xeográficas do Instituto Xeográfico Nacional, Sebastián Mas Mayoral ofrecerá un relatorio sobre a infraestrutura de datos espaciais de España (IDEE) no contexto da Directiva Europea INSPIRE.