Ir o contido principal

ESTALMAT-Galicia 2020 abre o seu prazo de inscrición

Vista exterior da Facultade de Matemáticas. Foto: Santi Alvite
Vista exterior da Facultade de Matemáticas. Foto: Santi Alvite
A proba de selección celebrarase na Facultade de Matemáticas ao comezo do curso 2020-21 cando se poda desenvolver coas oportunas medidas de seguridade sanitaria. Esta iniciativa está dirixida a estudantes nados nos anos 2007 ou 2008, con independencia dos estudos que cursen
Santiago de Compostela

O proxecto ESTALMAT-Galicia para o estímulo do talento matemático anuncia a convocatoria 2020 da proba de selección dos 25 estudantes que conformarán a súa décimo cuarta promoción. Esta iniciativa está dirixida a estudantes nados nos anos 2007 ou 2008,  con independencia dos estudos que cursen. O período de inscrición desenvolverase entre o 10 de maio e o 20 de xuño.

A situación de estado de alarma que xa motivou a suspensión de catro sesións do programa do curso 2019-20 afecta á convocatoria da proba de selección de 2020, que a coordinadora nacional de ESTALMAT-España decidiu celebrar ao inicio do curso 2020-21, cando se poda desenvolver coas imprescindibles medidas de seguridade sanitaria.

Proceso telemático

A inscrición realizarase de modo telemático enviando os datos persoais do estudante e a selección farase mediante unha proba que adoita constar de seis problemas con apartados de dificultade crecente, propostos por todas as sedes ESTALMAT de España e seleccionados por un equipo central. "A proba realízase o mesmo día que no resto de España polo que non é posible facela en ningunha outra data, mesmo que se aleguen causas xustificadas de ausencia no día fixado", explica o presidente do Proxecto ESTALMAT-Galicia e ex reitor da USC, Juan Viaño. 

Dende a primeira convocatoria de ESTALMAT-Galicia, no ano 2007, a media do número de alumnos presentados á proba de selección é de 301, chegándose a un pico de 425 no ano 2019, con preponderancia dos alumnos das provincias máis poboadas de A Coruña e Pontevedra. Nas doce convocatorias celebradas, 3910 alumnos e alumnas realizaron a proba de selección e 325 seguiron as actividades.

O proxecto

O proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito galego, forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional, da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT),  e  conta co apoio económico das catro deputacións provinciais, ademais da infraestrutura e apoio xeral aportados pola USC, e de xeito especial pola Facultade de Matemáticas. O proxecto está conectado tamén coas actividades da Olimpíada Matemática (Fase Galega e Española) e ás actividades de divulgación da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA).

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2020.