Ir o contido principal

Estalmat-Galicia clausurou o curso deste ano e despediu a promoción de 2022

Foto de grupo da promoción de 2022 de Estalmat-Galicia. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo da promoción de 2022 de Estalmat-Galicia. Foto: Santi Alvite
8 rapazas e 19 rapaces conformaron a décimo quinta promoción (2022) deste programa de estímulo do talento matemático

As alumnas e alumnos do programa ESTALMAT-Galicia de estímulo do talento matemático celebraron este sábado na Aula Magna da Facultade de Matemáticas o seu acto de clausura de curso, que estivo presidido polo reitor, Antonio López. A mesma cerimonia serviu de despedida da promoción de 2022, que recolleu os seus diplomas.

No acto o reitor estivo acompañado da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Judith Fernández Novo; a decana da Facultade de Matemáticas e presidenta de Estalmat-Galicia, Elena Vázquez Cendón; a coordinadora académica de Estalmat-Galicia, Sandra Díaz Mouro; e o profesor Javier Polo Noche, ex estudante da novena promoción de Estalmat-Galicia e graduado en Matemáticas o pasado curso.

Tamén interviñeron a coordinadora das familias de Estalmat-Galicia, Trinidad Pérez López, así como as representantes das familias, Rafael Laso Lorenzo, José María Martínes Matos e Monica Regueira López, e do alumnado, Xiana Clemente García e Pablo París Martínez.

Nesta ocasión, foron 8 alumnas e 19 alumnos de Estalmat-Galicia que conformaron a décimo quinta promoción (2022) quen, acompañados por unha representación das súas familias, recolleron os seus diplomas acreditativos, rexistrados na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España. Tres estudantes desta promoción non acadaron o título por sumarse o segundo ano a outros programas de mobilidade internacional e outras actividades.

Previo ao acto de clausura e recollida de diplomas, tivo lugar unha conferencia da profesora e decana da facultade anfitrioa, M. Elena Vázquez Cendón, dirixido a docentes, alumnado e familiares da promoción de 2022, sobre a profesión de Matemáticas.

Estalmat-Galicia
ESTALMAT-Galicia mantén tamén o programa ESTALMAT PI, que supón un terceiro curso, ao que son convidados a participar os xa novos 27 estalmateiros e estalmaterias. Ademais, desde finais do mes pasado Estalmat-Galicia forma parte do proxecto SUMO Valor da USC, desde o que xa achegaron recursos as empresas DXC Technology desde o seu Centro de Excelencia para iniciativas de Datos e Intelixencia Artificial para España e Portugal, con sede en Santiago, e o Centro de Investigación Mestrelab.
 
Avalado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España, ESTALMAT-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. Conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, da Axencia Galega de Innovación e das Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Entre os colaboradores que achegan material, ademais dos xa mencionados Casio educación.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2024.