ESTALMAT-Galicia convoca unha nova proba de selección para talentos matemáticos
O comité organizador do Proxecto ESTALMAT-Galicia para Estímulo do Talento Matemático en Galicia convoca a edición 2011 da proba de selección de novos talentos matemáticos, dirixida a estudantes da Comunidade Autónoma de Galicia (nacidos nos anos 1998 e 1999). O alumnado interesado pódese inscribir electronicamente cubrindo o formulario que se atopa na páxina web do proxecto ESTALMAT-Galicia (http://www.estalmatgalicia.com), ou ben enviando o mesmo formulario, que se remite aos centros de ensino medio de toda Galicia, por correo postal ou fax á Facultade de Matemáticas antes do día 24 de maio. A proba, consistente na resolución de problemas de distinto tipo, celebrarase o sábado dia 28 de maio na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, a partir das 10:00 horas. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, que preside o catedrático de Matemática Aplicada Juan M. Viaño Rey, está avalado pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e conta co apoio de distintas institucións e entidades como a Fundación Vodafone-España, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, o Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC), as Deputacións da Coruña e Lugo, o concello de Guitiriz ademais da infraestrutura achegada pola Facultade de Matemáticas da USC. Implantado por primeira vez o curso 2007-08, Estalmat busca detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento matemático que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. Ao longo de dous cursos académicos (ampliables a dous anos mais) os 25 alumnos seleccionados participan en actividades adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. Estas actividades, que serán totalmente gratuítas, teñen lugar nas mañás dun total de 20 sábados de cada curso académico, na Facultade de Matemáticas da Universidade compostelá. O equipo docente que atende aos estudantes seleccionados está formado por 27 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas. O ano 2010, optaron ás 25 prazas un total de 340 estudantes de toda Galicia. O Comité Organizador anima a inscribirse a todos os estudantes que, a xuízo dos seus profesores ou da súa familia, amosen indicios claros de talento para as matemáticas.
Para acadar mais información sobre o Proxecto ESTALMAT-Galicia as persoas interesadas poden dirixirse á web http://www.estalmatgalicia.com.