Ir o contido principal

Estalmat-Galicia despide a décima promoción de ESTALMAT-Galicia

Foto de grupo da décima promoción. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo da décima promoción. Foto: Santi Alvite

A décima promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para ESTímulo do TALento MATemático celebrou este sábado o seu acto de despedida nunha sesión que presidiu o reitor da USC e presidente de ESTALMAT-Galicia, Juan M. Viaño Rey. A xornada contou coa presenza do director xeral de educación, Formación Profesional e innovación educativa da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira López; da decana da Facultade anfitrioa e coordinadora xeral do Proxecto ESTALMAT-Galicia, Elena Vázquez-Cendón; do deputado provincial da Deputación da Coruña, Juan Penabad Muras; da deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico, Artesanía e Deseño e Educación da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, e de membros do equipo docente. Interviñeron tamén a docente Sandra Díaz Mouro, a estudante Fátima del Blanco (Ames-Milladoiro), o alumno Javier Ares Vila (Vigo) e en representación das súas familias, Ana Cristina Vila Pérez e Javier Rodeiro Maseda, que fixeron unha lembranza destes dous anos pasados en ESTALMAT-Galicia.

Son 25 estudantes (17 rapaces e 8 rapazas) seleccionados en 2016 polas súas aptitudes matemáticas avanzadas dun total de 339 procedentes na súa maioría das provincias da Coruña (214) e Pontevedra (91), seguidas das de Lugo (19) e Ourense (15), tanto do ensino público (223) como do privado (116).

Durante dous anos consecutivos estes estudantes asistiron cada mañá dos sábados ás actividades do proxecto na Facultade de Matemáticas de Compostela, impartidas por un equipo de 50 docentes de matemáticas de centros de ensino medio e das tres universidades galegas especialmente formados para este cometido e moi comprometidos co proxecto. O curso iníciase cun campamento matemático e, ademais das clases, prográmanse xornadas virtuais e concursos matemáticos conxuntos con proxectos ESTALMAT doutras comunidades autónomas. Esta décima promoción está convidada a participar o próximo curso no ESTALMAT PI-Galicia, que consta de 12 sesións máis.

Convocatoria 2018 Ata o 25 de maio permanece aberto o prazo de inscrición na proba de selección da convocatoria 2018, que terá lugar o 2 de xuño dirixida a todos os rapaces e rapazas nados en 2005 e 2006 que destaquen pola súa destreza e gusto polas Matemáticas.

O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC. Conta actualmente con financiamento das Deputacións da Coruña e Lugo, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O primeiro curso da décima promoción contou co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2018.