Ir o contido principal

Estalmat-Galicia despide este sábado á promoción 2009-2011

O programa Estalmat-Galicia de estímulo do talento matemático en estudantes de 12 e 13 anos despide este sábado 21 á promoción 2009-2011 nun acto que serve tamén de clausura do curso actual. Será ás 10:30 horas cando os estudantes e os seus familiares acompañados dos docentes se trasladen dende a Facultade de Matemáticas ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) para visitar o Supercomputador Finisterrae. Alí recibiraos o director do centro, Javier García Tobío, que os acompañará polas instalacións nun percorrido que rematará sobre as 12:00 horas. Logo desta visita trasladaranse de novo á Facultade de Matemáticas para participar ás 12:30 horas no acto formal de clausura do curso actual no que se entregarán os diplomas e imporanse becas. Este acto estará presidido na Aula Magna polo reitor compostelán, Juan Casares, e a el asisten ademais o catedrático de Matemática Aplicada da USC e presidente de Estalmat-Galicia, Juan Viaño, que fará un balance global do curso; o coordinador académico do proxecto e profesor do IES de Guitiriz, Víctor Pollán, que explicará os aspectos do programa académico e enquisas de satisfacción; a profesora Josefina Ling; o director territorial Noroeste de Vodafone España, Juan José de Santiago; o concelleiro de Santiago Bernardino Rama; e o profesor do IES Xoán Montes de Lugo e membro do equipo docente, Jesús Calvo.

No acto explicarán tamén a súa experiencia Emilio González Avión e Mª José Montemuiño Ageitos como familiares dos alumnos e os estudantes Lúa Álvarez Domínguez, Patricia Martínez Paz, Andrea Iglesias García e Aitor Leis Montemuíño.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2011.