ESTALMAT-Galicia inicia unha nova edición do seu programa de detección do talento matemático
O alumnado de toda Galicia nacido nos ano 1999 e 2000 é o destinatario dunha nova edición do Proxecto ESTALMAT-Galicia para Estímulo do Talento Matemático en Galicia, que a comezos do vindeiro mes de xuño celebrará a súa proba de selección de talentos matemáticos. Os/as estudantes interesados/as pódense inscribir electronicamente cubrindo o formulario que se atopa na páxina web de ESTALMAT-Galicia (http://www.estalmatgalicia.com), ou ben enviando o mesmo formulario, que se remite aos centros de ensino medio de toda Galicia, por correo postal ou fax á Facultade de Matemáticas antes do día 29 de maio. A proba, consistente na resolución de problemas de distinto tipo, celebrarase o sábado dia 2 de xuño na Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela, a partir das 10:00 horas. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, que dirixe o catedrático de Matemática Aplicada Juan Viaño, está avalado pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e conta co apoio de distintas institucións e entidades como a Fundación Vodafone-España, Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC), as Deputacións da Coruña e Lugo e o Concello de Guitiriz, ademais da propia Universidade de Santiago de Compostela e da súa Facultade de Matemáticas. Implantado por vez primeira no curso 2007-08, ESTALMAT-Galicia busca detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento matemático que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. Ao longo de dous cursos académicos (ampliables a dous anos mais) os 25 alumnos seleccionados participan en actividades adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. Estas actividades, que serán totalmente gratuítas, teñen lugar en 20 mañás dos sábados de cada curso académico, na Facultade de Matemáticas da USC. O equipo docente que atende aos estudantes seleccionados está formado por 41 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas. Na edición iniciada o pasado ano 2011, optaron ás 25 prazas un total de 255 estudantes de toda Galicia. Pola súa idade, este é o primeiro ano que os alumnos que pasaron por ESTALMAT-Galicia participan na Olimpíada Matemática. Como sinala o profesor Juan Viaño, os primeiros éxitos colectados neste proba “é esperanzador”: na Fase Galega, unha medalla de ouro e outra de bronce, ademais de dúas mencións de honra. Pola súa banda, na Fase Nacional rexistrouse unha medalla de bronce. Para acadar mais información sobre o proxecto, as persoas interesadas poden visitar a web http://www.estalmatgalicia.com.