Esteban Peicovich imparte un coloquio na USC sobre radiofonismo, xornalismo e cine
O director do programa cultural ‘Los palabristas’ de Radio de la Ciudad (Bos Aires), Esteban Peicovich impartirá este xoves un coloquio na Facultade de Ciencias da Comunicación titulada ‘ Radiofonismo, xornalismo e cine’. A súa intervención estará acompañada das da profesora Ana Gloria Chouciño e do profesor Juan A. Hernández Les e celebrarase na Aula 0 do centro compostelán a partir das 11.30 horas. Coma xornalista, Esteban Peicovich traballou para as publicacións arxentinas Clarín, La Razón, La Nación e Perfil, en televisón no programa ‘Derecho a réplica’ e tamén no programa radiofónico ‘Noche abierta’ na radio nacional arxentina. Foi correspondente de varios medios en España entre 1974 e 1987. Premio Kraft de xornalismo, publicou as súas crónicas en libros coma Historia viva, Hola Perón e El último Perón. Publicou os seus primeiros poemas en El Día da Plata e en El Hogar, revista dirixida por Ernesto Sábato, ademais de ter recibido o Gran Premio de Poesía nos Juegos Florales de Buenos Aires. O coloquio conta co patrocinio da Cátedra de Cultura Cubana ‘Alejo Carpentier’ e do grupo Cidacom (Cidadanía e Comunicación) da USC.