A Estratexia Europea de Física de Partículas debátese en Santiago nun congreso organizado polo IGFAE

Arredor dun cento de representantes da comunidade internacional de física de partículas reúnense durante esta semana nas instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, na 52ª edición do ‘International Meeting on Fundamental Physics’. O congreso iniciouse este martes 7, cunha xornada de traballo arredor da Estratexia Europea de Física de Partículas, actualmente en desenvolvemento, e que marcará o camiño dos grandes proxectos internacionais para as vindeiras décadas.
Representantes de institucións como a Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) e centros de investigación de Francia, Alemaña, Países Baixos ou Polonia puxeron en común os esforzos desenvolvidos desde a perspectiva teórica, experimental, de infraestruturas ou de computación, aspectos todos eles esenciais para integrar o esforzo colectivo que supón o desenvolvemento das grandes instalacións experimentais. En concreto, o foro de Santiago está a centrarse nas conclusións da reunión sobre a Estratexia Europea celebrada no mes de xuño en Venecia, con acento no rol que nela xogará a comunidade científica española. Entre os temas principais está o proceso de decisión sobre cal vai ser o futuro acelerador de partículas que substituirá nas próximas décadas ao actual Large Hadron Collider (LHC), a estrutura circular de 27km baixo a sede do CERN, na fronteira entre Francia e Suíza.
Próximas xornadas
Durante as seguintes xornadas, participarán no congreso persoas expertas dalgúns dos principais experimentos do CERN (ATLAS, CMS ou LHCb) e outros proxectos internacionais (LIGO, DUNE, NEXT), en áreas de investigación como a materia escura, a cromodinámica cuántica, as ondas gravitacionais, a cosmoloxía, os neutrinos ou os raios gamma, así como os últimos desenvolvementos en tecnoloxías de detectores ou sensores cuánticos.
O ‘International Meeting on Fundamental Physics’ é o simposio da disciplina con máis longa tradición en España, desde a súa creación no ano 1973. Por terceira vez en medio celébrase en Galicia, logo das edicións de 1998 na illa da Toxa, e a de 2007, tamén en Santiago de Compostela. “Trátase dun dos eventos máis importantes que celebramos nos últimos anos desde o IGFAE e, ademais, co feito especial de empregar por primeira vez a nova sede para organizar un evento destas características”, destacan Paula Álvarez e Xabier Cid, investigadores do IGFAE e coordinadores do comité organizador do congreso.
Sobre o IGFAE
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) naceu en 1999 co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Acolle a arredor de 140 persoas que participan en grandes instalacións experimentais como o CERN, o Observatorio Pierre Auger, LIGO ou GSI/FAIR, entre outras.
O centro foi recoñecido en dúas ocasións (2017 e 2023) como Unidade de Excelencia María de Maeztu por parte da Axencia Estatal de Investigación do Goberno de España. Tamén forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación. Está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.
