Ir o contido principal

Estréase o Consultorio Videomates do CITMAga

Presentación do Consultorio Videomates na Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
Presentación do Consultorio Videomates na Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
O estudantado poderá enviar vídeos con cuestións matemáticas que responderán integrantes do consorcio

O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), consorcio público das tres universidades galegas, botou a andar este xoves 30 de novembro o seu Consultorio VídeoMatemático, ao que o estudantado poderá enviar vídeos con cuestións matemáticas que responderán expertas e expertos da entidade. A presentación tivo lugar na Aula Magna da Facultade de Matemáticas compostelá, coa charla de divulgación titulada 'Números máxicos!' a cargo da profesora Elena Vázquez Abal.

A continuación desenvolveuse a presentación do Consultorio, coa participación da decana da Facultade de Matemáticas da USC, M. Elena Vázquez Cendón; da directora científica do CITMAga, Rosa M. Crujeiras Casais; e da investigadora principal do proxecto e catedrática de universidade da área de Xeometría e Topoloxía, Elena Vázquez Abal, así como do presidente da Comisión de Divulgación Científica, Miguez Brozos Vázquez, entre outras persoas. Asistiron a este evento estudantes do IES  Eduardo Pondal de Santiago, ademais de persoal científico investigador do eido das matemáticas.

Na actualidade na canle de YouTube do proxecto xa se poden ver catro vídeos con preguntas formuladas por Jorge Mira, Borja Tosar, Iria Sobrado e Ángel Vidal. O proxecto, que nace para achegar a matemática á sociedade, está financiado pola FECYT, FSP-Ministerio de Ciencia e Innovación, e conta con persoal investigador e de divulgación científicas das tres universidades galegas. A partir do proxecto desenvolveuse un concurso para premiar as persoas participantes no que se poderá tomar parte seguindo as instrucións indicadas.
 

Como participar no concurso

Se tes un perfil público en redes sociais: 

1) Para recoller a información sobre intereses e dúbidas matemáticas analizaranse os vídeos recibidos, que deberán ser vídeos curtos, en formato vertical, propoñendo unha dúbida ou cuestión matemática para que as expertas e expertos de CITMaga lle dean resposta. 

2) Os vídeos haberá que publicalos preferiblemente en Instagram (no perfil), co cancelo #CuestionDeMates e mencionar sempre a etiqueta @citmaga en Instagram. Desta maneira, o persoal do CITMaga poderá localizar o vídeo.

3) No caso de non ter perfil de Instagram o vídeo pode enviarse a través da canle de X, co cancelo #CuestionDeMates e mencionando a etiqueta @CITMAga.

4) Ademais, de non ter un perfil propio nas redes sociais, o envío dos vídeos pódese facer a través da conta institucional do centro de estudo, asociación ou instituto.

 

Se non tes un perfil privado en redes sociais: 

1) Os vídeos haberá que envíalos a citmaga [at] citmaga.gal (citmaga[at]citmaga[dot]gal)

2) Neste caso deberán chegar cunha vosa autorización para poder publicar o vídeo nas redes sociais de CITMaga, e asinar a autorización de “Cesión de Dereitos de Imaxe”.

O prazo de envío de vídeos comezou este xoves 30 e rematará o 31 de xullo de 2024. Unha vez remate o prazo analizaranse os materiais e seleccionaranse os vídeos participantes no concurso #CuestionDeMates. A clasificación dos vídeos farase en tres fases no 2024 (xaneiro, abril e setembro), nas que se irán publicando na canle de Youtube do CITMAga aqueles vídeos recibidos que destaquen pola súa orixinalidade e/ou o seu interese matemático. O concurso resolverase no mes de novembro de 2024. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2023.