Estréase o venres o documental ‘Un mar de mulleres’, un tributo ás traballadoras do mar

Amosar a importancia do traballo feminino nas industrias do mar de Galicia é o propósito do documental Un mar de mulleres, producido pola Cátedra Juana de Vega do Departamento de Historia e financiado pola Fundación Juana de Vega, que se estrea o venres 24 de outubro no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia ás 11.30 horas.
A proxección irá seguida dun coloquio sobre o traballo no litoral de Galicia dan man das súas protagonistas que moderará a directora da Cátedra, a profesora Luisa Muñoz Abeledo.
Dirixido por Sabela Brand, a través de entrevistas realizadas a mulleres ocupadas no sector pesqueiro e de transformados da pesca o documental dá conta da súa participación laboral, da fenda salarial de xénero así como dos cambios nas condicións laborais no período que cubre o último terzo do século XX e o primeiro do XXI.
Queda asemade reflectida na cinta a pegada da cultura mariñeira, da importancia da transmisión dos saberes femininos en actividades tradicionais que requirían cualificación e destreza manual coma a redería, o empacado de peixe ou o marisqueo, entre outras. Tamén reivindica o papel das mulleres emprendedoras, propietarias de barcos de pesca, xerentes de empresas de transformación e de distribución de peixe, sectores líderes da nosa economía.
Esta peza documental quere ser un tributo ás traballadoras do mar no pasado e no presente, de xeito que amosa historias de vida e traballo que demostran a capacidade de aprendizaxe, o tesón, a cualificación, a adaptación e a resiliencia en momentos de crise das mulleres do mar de Galicia. Elas contribuíron non só a modernización económica da rexión, senón tamén a manter uns orzamentos familiares con superávit e polo tanto a mellorar os niveis de vida das familias do litoral galego.