Estrés, ansiedade e depresión, nova sesión da Aula de Saúde
A profesora de Psiquiatría da Facultade de Medicina da USC, Ángela Torres Iglesias, e o médico interno residente de Psiquiatría do Hospital Xeral Calde de Lugo, Óscar Xoel Fernández de la Vega, serán este mércores 28 os relatores da terceira sesión da Aula de Saúde, un ciclo de conferencias sobre problemas de saúde que preocupan especialmente aos estudantes da USC.
Nesta ocasión debaterase sobre o estrés, a ansiedade e a depresión, segunda causa de preocupación, tras o cancro, en estudantes universitarios da USC. A sesión, moderada polo profesor e director do ciclo Manuel Freire-Garabal, terá lugar ás 19:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía.
Como poñerán de manifesto na conferencia, o estrés, a ansiedade e a tristeza -“en realidade respostas emocionais normais inherentes ao reto de vivir”- derivan nun problema cando o sistema protector se esgota por activacións continuas ante situacións banais ou cando os mecanismos protectores xa non son suficientes para afrontar a adversidade. É aí cando se produce a enfermidade, que non só ten repercusións no plano mental, senón tamén sobre o noso sistema inmunitario e sobre o sistema cardiovascular, aumentando o risco de padecer infeccións, hipertensión arterial, cefaleas e outras enfermidades físicas.