Estudan en Dereito as claves do novo proceso penal nun congreso en memoria do profesor Serra
Baixo o lema 'O novo proceso penal sen código procesual penal', a Facultade de Dereito acolle este xoves 9 e o venres un congreso en memoria do profesor da Universidade de Barcelona Manuel Serra Domínguez, finado en 2013 e que conseguira a súa cátedra de Dereito Procesual nas Universidade compostelá.
Organizado polas profesoras Raquel Castillejo Manzanares e Cristina Alonso Salgado, o congreso inaugurarase ás 15.45 cun acto in memoriam do profesor Serra no que participarán os catedráticos de Dereito Penal das Universidades Pompeu Fabra e Carlos III, Francisco Ramos Méndez e Victor Moreno Catena, respectivamente; o catedrático de Dereito Civil da Complutense, Carlos Rogel Vide, e o maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela Castro.
O encontro articúlase en torno a numerosas mesas redondas e conferencias nas que participarán docentes de todas as universidades españolas nas que se imparte Dereito procesual. Así, tratarán cuestións como a instrución na investigación penal, o estatuto da vítima e a súa protección procesual, o procedemento de mediación, o dereito de defensa, a responsabilidade penal das persoas xurídicas e as novas perspectivas sobre a proba ilícita.
Os aspectos procesuais do decomiso, a Oficina de Recuperación e Xestión de Activos, o procedemento por aceptación de decreto e o xuízo de delitos leves, os xuízos paralelos ou as medidas limitativas de Dereitos Fundamentais, con especial referencia ao secreto de comunicacións, ao dereito á intimidade e á propia imaxe, son outros asuntos a tratar no congreso.
Manuel Serra
Nado en Barcelona (1934), licenciouse e doutorouse en Dereito pola Universidade de Barcelona e alcanzou a cátedra de Dereito Procesual na USC en 1967. O profesor Serra pasou despois polas Universidades de Oviedo e Autónoma de Barcelona para rematar en 1977 na Universidade de Barcelona ata a súa xubilación académica en 2005.
Entre as súas obras destacan Estudios de Derecho Procesal (1969), que se converteu nunha icona doutrinal; Las medidas cautelares en el proceso civil (1974), que marcou as liñas do sistema cautelar; ou Estudios de Derecho Probatorio (2009).