Ir o contido principal

Estudan en Dereito a perspectiva xurídica da violencia de xénero, psicolóxica e sexual

O congreso internacional ‘Violencia, saúde e traballo en tempo de crise. Violencia de Xénero, psicolóxica e sexual no Dereito do Traballo’ revisa dende a perspectiva xurídica a incidencia da violencia de xénero, do acoso moral ou psicolóxico (mobbing), así como do acoso sexual e discriminatorio no contorno laboral facendo especial fincapé na súa regulación dende o Dereito do Traballo español e comparado. O encontro está organizado pola Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC. A inauguración oficial celebrouse este luns 15 no Salón de Graos da Facultade de Dereito baixo a presidencia do vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet, coa presenza ademais do director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá; do subdirector xeral de Estudos e Cooperación do Instituto da Muller, Mariano Álvaro Page; da decana en función da Facultade de Dereito, Isabel Espín; e das coordinadoras deste congreso, as profesoras Lourdes Mella e Consuelo Ferreiro. Deseguido, comezou o programa cun relatorio do maxistrado do Tribunal Constitucional Fernando Valdés sobre dereitos fundamentais e violencia no lugar de traballo. Para completar a sesión matinal abordouse o estudo da violencia de xénero en España e en Portugal. O Congreso celebrarase do 15 ao 17 de xullo na USC coa participación de expertos de España, Italia, Portugal, Francia, México ou Rusia, o que permitirá unha abordaxe das cuestións propostas dende un enfoque internacional. Dereitos fundamentais e violencia no traballo, a violencia de xénero en España e Portugal, o acoso moral ou psicolóxico en Francia, Italia, Portugal, México e España ou a política da Organización Internacional de Traballo e da UE sobre saúde e riscos psicosociais son algúns dos temas que se presentarán en forma de conferencias. O programa tamén incluirá unha serie de seminarios monográficos e sesións interactivas sobre a violencia de xénero na perspectiva do dereito internacional e comparado, a súa relación coa autonomía colectiva e a protección social, o poder de dirección e organización do empresariado e os riscos psicosociais no traballo ou cuestións de protección social no caso de persoas con discapacidades. Este congreso está coorganizado xunto coa Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, co patrocinio da Xunta de Galicia e o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA). Para acadar máis información, está dispoñible a web: http://derechodeltrabajoyviolencia.wordpress.com/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.07.2013.