Ir o contido principal

Estudan os dereitos de defensa da competencia e da publicidade no sector químico-farmacéutico

Nas xornadas de propiedade industrial do Idius que se desenvolven este mércores e xoves en Dereito

O Instituto de Dereito Industrial (Idius) da USC dedica esta semana as súas V Xornadas de Propiedade Industrial aos dereitos de defensa da competencia e da publicidade no sector químico-farmacéutico. Será este mércores 30 cando ás 10.00 horas se inaugure o encontro na sala de xuntas do decanato da Facultade de Dereito. A continuación terán lugar as conferencias ‘Competencia desleal e medicamentos a cargo de Pedro Portellano, profesor de Dereito Mercantil da Autónoma de Madrid, e ‘ Límites legais e control da publicidade dos produtos farmacéuticos’ de Fátima Lois, da Universidade da Coruña. A sesión complétase co relatorio de Pablo Fernandez-Carballo, profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, titulada ‘A publicidade de medicamentos dirixida a profesionais’. Con ‘O papel de Autocontrol no control da publicidade de medicamentos’ do catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo Anxo Tato iníciase a xornada do xoves 31 ás 10.00 horas. Seguiralle a profesora da Pablo de Olavide de Sevilla María Jesús Guerrero con ‘Os dereitos de propiedade industrial no ámbito químico-farmacéutico como limitación á libre competencia’.

A prohibición do abuso de posición dominante como límite ao exercicio abusivo de dereitos de patente no sector farmacéutico e os ‘second generation products’ utilizados como estratexia para dilatar a entrada de xenéricos no mercado serán as derradeiras conferencias da xornada, a cargo de Francisco Hernández, presidente do Consello Galego da Competencia, e a investigadora do Idius Miriam Martínez, respectivamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2013.