Estudan a optimización da produción de biogás a partir de residuos industriais, gandeiros e de lodos de depuradoras
Os dixestores anaerobios convencionais concibíronse para facilitar o tratamento de residuos como lodos de depuradora ou xurros de animais, coa vantaxe adicional da obtención dunha fonte de enerxía, o biogás, e dun produto estabilizado (dixestato) aplicable como abono nos terreos. Estas instalacións están habitualmente sobredimensionadas polo que o tratamento conxunto con outros residuos (co dixestión anaerobia) permite incrementar a produción de biogás e así mellorar a rendibilidade económica das plantas.
Existe unha ampla variedade de residuos orgánicos susceptibles de ser co dixeridos cos lodos e cos xurros, como os que presentan unha fracción de materia orgánica alta e facilmente biodegradable, pero hai outros máis complexos que non poden ser tratados individualmente aínda que si poden resultar co substratos de interese.
Precisamente a tese presentada por Iván Rodríguez Verde centrouse no estudo das estratexias de co dixestión anaerobia para favorecer o tratamento de residuos orgánicos complexos procedentes de distintos sectores dentro do tecido industrial galego: correntes residuais do sector metal-mecánico, residuos agrícolas ou da industria alimentaria.
As investigacións do doutorando permitiron demostrar que o tratamento de residuos orgánicos complexos é posible mediante co dixestión anaerobia grazas á aplicación de estratexias de alimentación, pretratamentos ou mesmo estratexias de control do proceso. Do estudo concluíu ademais que se trata dunha tecnoloxía viable incluso con substratos dificilmente dixeribles.
Na tese validouse en planta piloto a ferramenta informática Opti_blender, desenvolvida polo grupo de investigación e patentada pola USC, que permite determinar a composición das mesturas e a optimización da operación. Os traballos realizáronse na planta de tratamento de augas residuais de A Coruña.
O traballo de investigación desenvolveuse no Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñaría Química e foi dirixido polos profesores Marta Carballa Arcos e Juan M. Lema Rodicio. O tribunal que o xulgou estivo composto polo profesor da UPC Xavier Flotats, o da Universidade italiana de Verona David Bolzonella, e a profesora da USC Almudena Hospido.
Para a súa elaboración, Iván Rodríguez contou coa colaboración de centros tecnolóxicos como Aimen, EnergyLab e Cetaqua e empresas como Espina OH, Técnicas de Soft, Edar de Bens e Acolact. Como resultado da tese, publicáronse diversos artigos en revistas científicas internacionais de alto impacto así como contribucións a congresos de ámbito internacional.
O tribunal estivo composto polo profesor da UPC Xavier Flotats, o da Universidade italiana de Verona David Bolzonella e a profesora da USC Almudena Hospido O tribunal que o xulgou estivo composto polo profesor da UPC Xavier Flotats, o da Universidade italiana de Verona David Bolzonella, e a profesora da USC Almudena Hospido.