Ir o contido principal

Estudan as posibilidades do territorio e a súa xestión para facer fronte á crise económica

O XIII Coloquio Ibérico de Xeografía inaugurouse este mércores no Paraninfo
O XIII Coloquio Ibérico de Xeografía inaugurouse este mércores no Paraninfo
O XIII Coloquio Ibérico de Xeografía inaugurouse este mércores no Paraninfo

Máis de 300 especialistas españois e portugueses debaten esta semana en Santiago sobre cuestións relacionadas co territorio, as infraestruturas, a economía e as relacións transfronteirizas e como estas poden axudar a superar a crise actual. O XIII Coloquio Ibérico de Xeografía ten lugar na Facultade de Xeografía e Historia ata o 27 de outubro. No encontro, que ten como lema ‘Respostas territoriais da Xeografía Ibérica á crise actual´, participan, entre outros, o ex presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, os catedráticos de Xeografía Andrés Precedo, Augusto Pérez Alberti, Eduardo Martínez de Pisón, Valentín Cabero, Pilar de Torres Luna, Javier Martín Vide e Rubén Lois, ademais dos portugueses Nino Pires Soares, Helena Mesquita Pina e Rui Pedro Juliâo. Co propósito de integrar todas as orientacións investigadoras e docentes da Xeografía en España e Portugal, o coloquio contempla máis de 20 áreas temáticas, entre as que figuran a ordenación do territorio, mobilidades transfronteirizas, tendencias demográficas, novo diálogo centro-periferia, a lusofonía e a hispanofonía, cidade e desenvolvemento urbano, a xeografía no ensino non universitario, as repercusións xeográficas da crise, nova xeografía económica e a globalización, sociedade da información e territorio, estudos integrados de rexións costeiras, dinámicas climáticas, o recurso da auga e a súa planificación, a integración da paisaxe nos estudos territoriais, os xeositios, transformacións do medio rural e vulnerabilidade e risco na sociedade actual. Inauguración A inauguración tivo lugar este mércores no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) nun acto no que participaron o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso; o director do Departamento de Xeografía da USC, José Antonio Aldrey Vázquez; o director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, Manuel Borobio; o presidente da Asociación Portuguesa de Xeógrafos, Rui Pedro Julião; e o presidente da Asociación de Xeógrafos Españois, Javier Martín Vide. A continuación, o profesor da Universidade de Salamanca Valentín Cabero pronunciou a conferencia ‘Un novo Iberismo para o século XXI’. Programa O simposio estrutúrase en torno a dúas conferencias principais e outras tantas mesas redondas, con máis de 180 comunicacións en distintas sesións. A xornada do xoves 25 inclúe unha conferencia de Nuno Pires Soares, da Universidade Nova de Lisboa, titulada ‘As áreas metropolitanas ibéricas e a actual crise económica’ e unha mesa redonda sobre modelos de cooperación transfronteiriza na que participarán Xerardo Pereiro Pérez e Humberto Martíns, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; Juan José Lirón, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial – Galicia-Norte de Portugal; o profesor da USC Rubén Lois; e o decano da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Complutense de Madrid, Heriberto Cairo. O venres é a quenda de Eduardo Martínez de Pisón, da Autónoma de Madrid, que intervirá coa conferencia ‘Paisaxe e patrimonio xeomorfolóxico’. Xa pola tarde desenvolverase unha mesa redonda sobre estratexias territoriais contra a crise económica na que interveñen Melchor Fernández Fernández, director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (Idega); Emilio Pérez Touriño, membro do Consello Consultivo de Galicia e profesor da Universidade compostelá; Vicente Bielza de Ory, da Universidade de Zaragoza; Andrés Precedo Ledo, da USC; e Helena Pina, da Universidade do Porto. Participan na organización o Departamento de Xeografía da USC xunto co Idega, o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR-USC), o Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) e o Colexio de Xeógrafos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2012.