Ir o contido principal

Estudan nunha tese o nacemento e evolución da canción protesta en Galicia

A tese de Sheila Fernández dirixiuna o profesor Carlos Villanueva
A tese de Sheila Fernández dirixiuna o profesor Carlos Villanueva
De Cataluña como referente inicial na ditadura á música tradicional como reivindicación identitaria na Transición

A canción protesta nace en Galicia nun contexto peculiar, marcado pola ditadura franquista pero estreitamente ligado a un referente xeográfico como era Cataluña. A Nova Cançó Catalana perfílase como fronteira estética á que nun primeiro momento recorren os cantautores galegos para logo redefinirse e evolucionar cara a modelos identitarios onde a protesta se ve superada por elementos de raíz popular.

Este período importante para a música galega dos anos 60 e 70 analizouno Sheila Fernández Conde na súa tese ‘Galicia ollando a Cataluña: dúas fronteiras do movemento da canción protesta (1968-1980)’ que dirixiu Carlos Villanueva Abelairas e que marca como punto de partida para todo ese movemento da canción protesta en Galicia o recital que o cantautor xativés Raimon ofrece o 9 de maio de 1967 en Santiago. “Foi ese concerto –asegura a historiadora– o punto de concienciación precisa para que se precipitase un formato homónimo na xeografía galega”.

A ‘canción’ que xurdía dese recital materializouse logo en 1968, en plena reivindicación universitaria, con tres concertos principais de presentación: o 30 de marzo na Escola de Peritos Agrícolas de Lugo, que pese a contar cos permisos gobernativos se viu frustrado e tivo que celebrarse na intimidade da casa do organizador, o profesor Xesús Alonso Montero; o 26 de abril na Facultade de Medicina de Santiago tras unha asemblea universitaria; e o 1 de decembro na Sala Capitol, de onde sairía o elenco de cantautores que conformaría o colectivo Voces Ceibes como eran Benedicto García Villar, Xavier González del Valle, Guillermo Rojo, Vicente Araguas, Xerardo Moscoso e Miro Casabella, que xa nos 70 se completaría con Bibiano Morón e Suso Vaamonde.

Cara á música tradicional
Deses recitais de presentación tamén sairían as bases definitorias iniciais da canción galega: monolingüe (en galego), de base social, reivindicativa “e esteticamente afastada da música tradicional, entendida como ‘folklorista’ xa que estaba sendo empregada como instrumento do réxime a través dos Coros y Danzas da Sección Femenina ”, explica Sheila Fernández .

Mais esa fuxida da música tradicional durou poucos anos e a canción galega experimentará un proceso evolutivo tanto temática como musicalmente, pasando a un “reencontro co folklore” a partir dos anos 1971-72 “e abrindo así camiño a novas propostas de forte perfil reivindicativo que podemos atopar en modelos vocais como o de Fuxan os Ventos, ou mesmo instrumentais como o de Milladoiro”.

Esa evolución, parella ao cambio político que iría da ditadura ao período democrático, “ reflectíase nos focos temáticos e éticos da propia canción”, explica a autora. Así, pasouse do referente catalán na ditadura a outro fundamental para o proceso madurativo da canción protesta galega como era Portugal, “referente con forte significado de valorización popular”, matiza.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.02.2016.