Ir o contido principal

Estudan na USC os principais problemas aos que se enfrontan os mercados de traballo europeos

Especialistas de toda Europa reúnense este luns e o martes 30 na Facultade de Relacións Laborais da USC para tratar algúns dos problemas máis relevantes aos que se enfrontan os mercados de traballo europeos, explorando posibles solucións e analizando as dificultades comúns. O seminario internacional ‘¿Qué seguridades para qué traballadores?’ está organizado polos docentes Yolanda Maneiro Vázquez e José María Miranda Boto como membros da Rede INLACRIS (Independent Network for Labour Law and Crisis Studies), un proxecto internacional financiado pola Comisión Europea. Participan corenta persoas expertas de España, Alemaña, Bélxica, Francia, Grecia, Hungría, Italia, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía, Suecia e Suíza pertencentes aos ámbitos da Universidade, a avogacía, o eido sindical e patronal e as organizacións internacionais. Os relatorios deste luns 29 versan sobre extinción e seguridade de contratos e a situación para os traballadores atípicos. Farán balance das últimas reformas laborais en España e Suecia e estudarán a protección por desemprego en Francia, os contratos de duración determinada ou a protección para o traballador de máis idade, entre outras cuestións. A xornada do martes 30 centrarase na discusión das condicións actuais e perspectivas dos traballadores autónomos e economicamente dependentes. Ademais, dedicarán relatorios ao estudo da dualidade entre dereito do traballo e emprego público. Rematará a sesión ás 16.00 horas cun debate no que se achegarán posturas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2013.