Ir o contido principal

O estudantado de Comunicación difundirá os seus traballos a través da web-repositorio A Sementeira

Un momento da presentación do proxecto. FOTO: Santi Alvite
Un momento da presentación do proxecto. FOTO: Santi Alvite
O portal www.asementeira.gal tamén estará aberto á publicación de contido relacionado coas titulacións por parte do alumnado xa egresado

Este luns botou a andar Asementeira.gal, un espazo multimedia destinado a visibilizar a creativade do alumnado dos graos en Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual e do Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia. O proxecto presentouno na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o alumnado titor do centro e participaron tamén no acto a decana, Ana Isabel Rodríguez; a secretaria xeral de Medios da Xunta de Galicia, Silvia Valdés; o profesorado que coordina o proxecto e o equipo de redes sociais do centro.

Esta nova plataforma concibiuse como punto de encontro e de conexión entre as novas xeracións de xornalistas e comunicadores audiovisuais e os posibles empregadores, empresas e/ou institucións, que poidan ter interese en descubrir e observar as novas tendencias creativas das mozas e mozos no contorno dos medios de comunicación.

Este proxecto estará dispoñible, tamén, para antigo alumnado da Facultade de Ciencias de Comunicación que queira visibilizar as súas creacións neste espazo, polo que pretende construír unha comunidade ampla de persoas usuarias que vaia máis aló dos aproximadamente 600 estudantes que anualmente pasan polas aulas da Facultade. O obxectivo do proxecto é ofrecer un contorno fresco, moderno e áxil adaptado á mirada da xeración Z, que sirva de fiestra para a visibilización do talento da comunidade de estudantes e no que se exploren novas formas de comunicar. E para levalo a cabo púxose en marcha esta colaboración entre a Universidade e a Xunta de Galicia a través da Facultade de Ciencias da Comunicación e da Secretaría Xeral de Medios, coa que se pretende contribuír á innovación do xornalismo e da comunicación en galego, desde o enfoque das novas xeracións nativas dixitais.

A creación deste espazo foi posible grazas á achega da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Medios, o que permitiu reforzar a súa infraestrutura acondicionando un espazo como sala multimedia de creación de contidos, dotada con equipos informáticos específicos para que o alumnado poda realizar estas prácticas sen interferir nos horarios e na ocupación das aulas informáticas nas que se imparten as materias das titulacións. Ademais, con esta achega apoiouse o deseño inicial da nova plataforma na que, a partir de agora, o alumnado seguirá publicando as súas creacións no que se concibe como un proxecto vivo, dinámico e perdurable no tempo.

Este novo medio de visibilización dos novos formatos xornalísticos e de comunicación que elabore o alumnado leva por título asementeira.gal e nel converxen proxectos variados distribuídos en seccións organizadas arredor de elementos multimedia (audio, imaxe e texto), e tamén permite a busca por autorías, de xeito que este espazo actúa como portafolio dixital de quen decida ceder os dereitos de exhibición das súas obras para esta plataforma multimedia. O proxecto consta dunha páxina web e a súa correspondente versión para dispositivos móbiles, e estará conectado coas redes sociais da Facultade de Ciencias da Comunicación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2024.