Ir o contido principal

O estudantado de Dereito coñece estes días as súas saídas laborais

Durante este mes de marzo a Facultade de Dereito organiza diversas sesións sobre as saídas laborais do grao e posgrao, no que é a segunda edición dunhas xornadas que pretenden axudar o alumnado de últimos cursos na difícil decisión de orientar o seu futuro profesional.

As sesións desenvolveranse no Salón de Graos do centro, comezando este xoves 2 ás 16.30 co acto inaugural no que participarán o decano da Facultade, Gumersindo Guinarte, e a vicedecana de Calidade e Infraestruturas e organizadora das xornadas, Marta Otero. A continuación, o diplomático Javier Sandomingo Núñez explicará como é o acceso á carreira diplomática e achegará a súa experiencia persoal e o subdirector xeral de Relacións coa Unión Europea, Santiago Álvarez González, falará das oportunidades de emprego nas institucións da UE e en organizacións internacionais.

A seguinte xornada será o 9 de marzo, e estará dedicada ás oposicións aos corpos de Facenda no Estado e na Xunta, a Letrados da Xunta e Avogados do Estado e ás carreiras xudicial e fiscal. As oposicións a notario e rexistrador da propiedade, o proceso de selección nun gran despacho de avogados e o asesoramento xurídico nas empresas serán os temas a tratar o 16 de marzo. Por último, o día 23 os relatorios enfocaranse ás estratexias para a busca de emprego así como aos mestrados que ofrece a facultade compostelá.

A organización das xornadas, que contaron con más de 150 participantes na súa primeira edición, realízase coa colaboración do Vicerreitorado de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, a Escola Diplomática do MAEC, a Fundación Galicia-Europa, Adecco e Uría Menéndez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.03.2017.