O estudantado con discapacidade valora tanto a experiencia vital na universidade como titularse
Nas últimas décadas, o número de estudantes con discapacidade nas universidades está aumentando progresivamente debido principalmente á evolución da normativa, ao incremento da concienciación e ao recoñecemento do dereito á educación en condicións de igualdade. Mais a pesares disto, este estudantado presenta aínda taxas de participación máis baixas na educación superior que os seus pares sen discapacidade.
Todos estes datos e a súa análise son compilados cada ano en numerosos estudos e análises cuantitativas acerca do éxito do estudantado con discapacidade na Universidade, pero son ben poucas as investigacións sobre como define ese éxito o propio estudantado e quen xa rematou as aulas. De aí que, para rachar con este baleiro cualitativo, a investigadora da USC Emma Mayo e as da Universidade de Sevilla Anabel Moriña Díez e Beatriz Morgado Camacho acaban de publicar na prestixiosa revista Higher Education o artigo ‘What is university success? Graduates with disabilities define it’ [Que é o éxito universitario? Os graduados con discapacidade defíneno], no que exploran o concepto de éxito universitario dende a perspectiva de 95 egresados (62.1% mulleres e 37.9% homes) con diferentes tipos de discapacidade que identifican as situacións nas que consideraron que tiveron éxito na universidade.
“En ocasións existen barreiras que dificultan a súa inclusión e que fan que abandonen a universidade antes de finalizar os seus estudos, pero outros e outras conseguen graduarse con éxito e no camiño atópanse con facilitadores que contribúen aos seus logros académicos e sociais”, explica Mayo. Por iso resulta “fundamental” coñecer, “dende unha perspectiva holística”, as claves que contribúen ao éxito universitario de egresados e egresadas “para así desenvolver accións que o promovan e avanzar na retención e gradación do estudantado con algún tipo de discapacidade”, matiza.
Segundo os resultados obtidos, o éxito universitario é un concepto dinámico e multidimensional que consta de diferentes elementos e que se define a través de oito compoñentes: graduarse, acadar os obxectivos/metas fixadas, proceso de aprendizaxe académico e persoal, experiencia social, crecemento persoal (superación), éxito profesional, obtención de boas notas e recoñecemento.
Estes estudantes definen o éxito universitario, polo tanto, coma un concepto complexo e multidimensional “que vai máis aló dos meros resultados cuantitativos, que non só está relacionado con finalizar os estudos e graduarse senón que tamén se vincula á propia traxectoria universitaria, ás oportunidades académicas e sociais que se teñen para aprender e participar e, polo tanto, permanecer e vivir unha experiencia inclusiva”, explica a investigadora da USC.
Apuntan as investigadoras que “o compromiso das universidades debe transcender a garantía de acceso, permanencia e gradación do estudantado con discapacidade” para avanzar proporcionando apoios e recursos “axustados ás necesidades de cada persoa”.