O estudantado elixe este xoves representantes no Claustro Universitario da USC
Os comicios para elixir representantes de estudantes no Claustro Universitario desenvólvense este xoves 14 de marzo. A votación efectuarase electronicamente entre as 09.00 e as 18.00 horas. Todos os detalles atópanse accesibles na web das eleccións.
O voto electrónico emitirase desde calquera ordenador conectado a Internet. Os electores/as terán que conectarse a través da súa Secretaría Virtual, ou ben desde a aplicación electoral https://aplicacions.usc.es/axe/publica. En caso de non poder conectarse, porase en coñecemento da Comisión Electoral Central (CEC) ou da Secretaría Xeral a efectos de que se tomen as oportunas medidas para resolver a incidencia. A comunicación farase a través da conta de correo evoto [at] usc.es (evoto[at]usc[dot]es).
Os electores/as identificaranse coas claves de acceso á Secretaría Virtual. Na pantalla de votación constarán relacionadas as candidaturas proclamadas, así como a opción de voto en branco. Unha vez realizada a opción de voto, terase que premer "Emitir o voto". A continuación mostrarase a candidatura ou as candidaturas escollida/s e solicitarase a confirmación da opción elixida. En caso de non querer confirmala, o elector/a terá a posibilidade de realizar unha nova selección. Unha vez confirmada a opción de voto, codificarase o voto coa clave de codificación/cifrado. Seguidamente, tense que asinar o voto do elector/a e remitir á urna dixital remota.
A proclamación provisional de candidatas/os electas/os será este venres 15 de marzo. A presentación de recursos ante a CEC contra a proclamación provisional de candidatos/as electas/os vai do 15 de marzo ata o 19 de marzo. A proclamación definitiva de candidatas/os electas/os será o 20 marzo.
A USC organízase de xeito democrático, garantindo cos procesos electorais a participación dos diferentes sectores da comunidade universitaria no seu goberno e a toma de decisións.