Ir o contido principal

Estudantado da USC organiza un torneo de xadrez para toda a comunidade universitaria

O estudantado leva tres anos organizando este tipo de encontros
O estudantado leva tres anos organizando este tipo de encontros
A dinámica das contendas baséase en enfrontamentos individuais, ao estilo clásico, cunha duración que ronda as dúas horas
Santiago de Compostela

A Sala de Xuntas da Facultade de Física foi o escenario dun torneo de xadrez organizado por un grupo de estudantes de diferentes cursos e graos da USC. Nesta ocasión reuníronse arredor dos taboleiros 22 xogadores, resultando premiados David Cernadas, Rubén Fernández, Breixo Longueira e Iria Castaño. Os trofeos financiounos a Facultade de Física e entregounos a súa decana, María Elena López Gago.

O estudantado leva tres anos organizando este tipo de encontros dirixidos principalmente a persoas de todas as idades da USC. A actividade está pensada para “xogar, pasalo ben e estar con outras persoas”, como comenta Iván Dopazo, un dos organizadores. A dinámica das contendas baséase en enfrontamentos individuais, ao estilo clásico, cunha duración que ronda as dúas horas. O material é cedido pola Facultade de Física, lugar no que se celebran os torneos a porta aberta, habitualmente os xoves.

Dende a organización sinalan que aínda non teñen novas datas marcadas no calendario para próximas competicións, mais aseguran que a intención é “facer moitos máis torneos, pero ímolos planificando dependendo da dispoñibilidade dos xogadores. Cando temos un mínimo de 10 participantes, xa fixamos unha data”. A actividade é totalmente gratuíta. Para máis información a organización facilita o correo de contacto ivan.dopazo16 [at] gmail.com (ivan[dot]dopazo16[at]gmail[dot]com)
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2025.