Un estudante da USC, un dos 500 que participarán en París nunha simulación da asemblea xeral das Nacións Unidas
O estudante de Dereito da USC Juan Fuentes Fernández, na actualidade na Universidade Autónoma de Madrid cunha bolsa Séneca, é unha boa mostra de que os intercambios universitarios non só engaden valor ao currículo senón que supoñen unha excelente oportunidade para establecer relacións académicas e profesionais que abrirán portas nun futuro. Recén chegado a Madrid, Juan Fuentes foi elixido vice presidente da asociación internacional UAM-I-MUN –dedicada ás relacións internacionais- e agora acaba de ser seleccionado para acudir como parte da delegación española á Paris International Model of United Nations (PIMUN) que terá lugar no Instituto de Estudos Políticos de París, un dos máis prestixiosos do mundo no campo das ciencias sociais, así como na sede da UNESCO desa cidade. “A participación neste importante evento servirá ademais para dar a coñecer a Universidade de Santiago de Compostela entre os compañeiros cos que vaia convivir eses días”, explica. Simulando a asemblea xeral das Nacións Unidas, medio millar de estudantes chegados de todo o mundo debaterán en París sobre cuestións de transcendencia internacional como a militarización do Ártico; crimes de guerra, contra a humanidade e xenocidio; o futuro da enerxía nuclear ou as revoltas do mundo árabe. A participación de alumnado universitario de todos os recunchos do planeta garante atender puntos de vista “non só dos países máis ricos e poderosos do mundo senón tamén dos máis subdesenvolvidos e con menor peso político”, explica o alumno.