Ir o contido principal

Estudantes de Bacharelato de toda Galicia poderán participar nunha nova edición da Masterclass de Física de Partículas

Imaxe de arquivo do hall da Facultade de Física, onde se vai celebrar o Masterclass de Física de Partículas
Imaxe de arquivo do hall da Facultade de Física, onde se vai celebrar o Masterclass de Física de Partículas
O próximo 6 de abril, o alumnado analizará datos reais do experimentos do CERN e traballarán con persoal científico profesional

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC (IGFAE) acollerá o 6 de abril unha nova edición da clase maxistral de Física de Partículas destinada a un grupo de medio cento de estudantes de Bacharelato de centros educativos de toda Galicia. Esta é unha iniciativa organizada ao abeiro do programa ‘International Masterclasses’ no que científicos/as de 210 universidades e laboratorios internacionais organizan sesións similares nas súas respectivas institucións.

O alumnado de Bacharelato interesado en participar nesta experiencia científica debe enviar o formulario de inscrición electrónico dispoñible na web, cos datos requiridos antes do venres 16 de marzo de 2018. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada dándolle prioridade a centros que participen por vez primeira. Aquelas solicitudes que non poidan ser atendidas nesta ocasión serán consideradas para a seguinte. A organización farase cargo da manutención (xantar), pero non do transporte ata a facultade. O/a profesor/a acompañante poderá asistir e incluso participar activamente na xornada, se así o desexa. Deberá indicalo na solicitude.

Nesta xornada o alumnado traballará na análise de datos reais tomados no gran colisionador de hadróns (LHC) do CERN. Persoal científico do IGFAE explicará os pequenos bloques de construción do universo e o seu estudo a través dos aceleradores e detectores que exploran as súas misteriosas partículas. A análise dos datos reais de experimentos do LHC, permitirá ao alumnado participante nesta xornada coñecer de primeira man como funciona a investigación na física moderna.

Datos reais
“Tentamos dar unha idea do emocionante que pode chegar a resultar este mundo. Esta clase é unha experiencia moi enriquecedora tanto para o alumnado participante como para nós mesmos”, explica Beatriz Garcia, estudante de doutoramento do Instituto da USC. Un dos principais atractivos da iniciativa é que o futuro alumnado universitario “está en contacto durante toda a xornada con persoal científico profesional e traballan con datos do LHC, converténdose eles mesmos en físicos de partículas por un día” engade Miriam Lucio, igualmente alumna de doutoramento do IGFAE.

Esta é a idea principal do programa, fomentar que o estudantado traballe tanto como sexa posible como verdadeiros científicos, para o que catro experimentos do acelerador (Atlas, CMS, Alice e LHCb) proporcionaron datos reais para o seu uso didáctico. Máis alá da análise, a experiencia tamén permite ao alumnado abordar outras perspectivas, como por exemplo, “aprender como se reclama un descubrimento científico”, engade o investigador Marcos Seco.

A xornada remata coa celebración dunha videoconferencia con persoal do CERN, de Fermilab e TRIUMF así como con outros grupos de estudantes de todo o mundo para analizar de xeito conxunto os resultados alcanzados. “Na nosa colaboración, hai miles de científicos en todo o mundo traballando no mesmo experimento”, lembra a investigadora do IGFAE Veronika Chobanova quen engade que o proceso “require comunicación constante a través de videoconferencia. O obxectivo é que os estudantes poidan mergullarse no ambiente real de traballo científico”.

Masterclasses 2018
A edición 2018 das Masterclasses celebraranse do 15 de febreiro ao 6 de abril en máis de 50 países de todo o mundo. A participación mundial reflicte a colaboración internacional en física de partículas. Estas clases internacionais están organizadas polo IPPOG, un grupo internacional especializado na divulgación deste eido da Física formado por representantes dos países involucrados en investigación en CERN e noutros laboratorios punteiros. O obxectivo do grupo é facer que a física de partículas sexa máis accesible para o público.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2018.