Ir o contido principal

Estudantes de Ciencias da Educación de Valencia visitan a USC para intercambiar experiencias co alumnado de Santiago

Un grupo de vinte estudantes de Ciencias da Educación da Universidade de Valencia, acompañado polo profesor Jaume Martínez Bonafé, desenvolverá ao longo desta semana unha estadía na universidade compostelá como parte dun programa de intercambio entre ambas as dúas institucións docentes.
O obxecto da iniciativa, na que tamén participan cen alumnos da USC, é crear un espazo de traballo e estudo ao redor das diferentes estratexias e proxectos estudantís que se desenvolven nas dúas facultades de Ciencias da Educación así como reflexionar sobre cuestións relacionadas co desenvolvemento da práctica profesional dos estudantes nas diferentes universidades.
A experiencia tamén permitirá crear as primeiras bases para que ambas as dúas facultades a través das súas respectivas asociacións de estudantes poidan seguir desenvolvendo proxectos educativos de xeito conxunto e colaborativo.
O programa arrancará este martes 3 cunha visita a partir das 10:30 horas ao Museo Pedagóxico de Galicia, onde ademais se realizará unha presentación da semana de intercambio. O mesmo día, pola tarde terá lugar unha sesión dedicada aos xogos populares e tradicionais que se completará cunha xornada sobre o proxecto ‘Astronomía na Beirarrúa’. O mércores 4, o grupo desprazarase á localidade de Vedra para coñecer os proxectos de carácter pedagóxico e cultural que alí se desenvolven, incluíndo visitas a muíños ou talleres de maiores.
Os alumnos de ambos os dous centros intercambiarán materiais de traballo e proxectos na xornada do xoves 5, na que o profesor Bonafé tamén pronunciará unha conferencia. A semana de intercambio rematará cunha visita aos Centro Sociocultural do Ensanche o venres 6.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2009.