Ir o contido principal

Estudantes do Colexio Galén acceden á final do Torneo Nacional de Debate Económico en Bacharelato tras gañar a fase provincial

Participantes e organizadores da fase provincial do I Torneo Nacional de Debate Económico en Bacharelato, na Facultade de Ade
Participantes e organizadores da fase provincial do I Torneo Nacional de Debate Económico en Bacharelato, na Facultade de Ade
O equipo do centro lugués debaterá os días 26 e 27 de novembro en Madrid logo de vencer aos representantes dos Ies Daviña Rey e A Pinguela na Facultade de Ade
Lugo

Estudantes do Centro Educativo Galén participarán os días 26 e 27 de novembro na fase final do I Torneo Nacional de Debate Económico de Bacharelato, logo de proclamarse campións provinciais de Lugo no certame celebrado na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo e no que tamén tomaron parte equipos integrados por cinco estudantes de Bacharelato que cursan a materia de Economía nos institutos de ensino secundario Daviña Rey e A Pinguela, de Monforte de Lemos.

O equipo do Centro Educativo Galén que resultou vencedor da fase provincial promovida polo Colexio de Economistas de Lugo enfrontarase na fase final do I Torneo Nacional de Debate Económico en Bacharelato a outros estudantes procedentes de toda España, no marco dunhas sesións que se desenvolverán na sede madrileña do Banco de España.

O Torneo Nacional de Debate Económico en Bacharelato é unha iniciativa impulsada coa finalidade de aproximar a importancia da economía e da función empresarial aos/as estudantes de Bacharelato. Trátase dunha fórmula atractiva e con proxección social, na que, máis alá do carácter competitivo de todo torneo, prima a formación do estudante, a investigación e o desenvolvemento de habilidades como a oratoria ou a argumentación.

Este proxecto, ligado ao Plan de Educación Financeira desenvolvido polo Banco de España e a Comisión Nacional de Mercado de Valores, ao que tamén está adherido o Consello Xeral de Economistas, busca concienciar sobre a importancia de adquirir un axeitado nivel de cultura financeira, achegar ao alumnado de Bacharelato a realidade económica e empresarial da contorna, ademais de favorecer a adquisición de habilidades necesarias para o exercicio da actividade profesional, tales como son o traballo en equipo, a negociación ou a oratoria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2019.