Estudantes de Educación Secundaria e Bacharelato almorzan na USC para falar de ciencia e tecnoloxía
Enmarcado na segunda edición do programa Estancias Científicas de Verano (ESCIVE), estudantes de ensinanza secundaria e bacharelato de España e Portugal visitan estes días a USC co obxectivo de participar no traballo cotiá dos seus investigadores. A iniciativa, que busca ofrecer un verán diferente, conta cun almorzo co director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, e o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, para falar de ciencia e tecnoloxía na actualidade. Terá lugar este mércores, día 23, ás 09:00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome.
Ademais das sesións cos grupos de investigación, os alumnos aprenden divulgación científica e realizan proxectos científicos propios para profundar en cuestións como a relación entre comer e durmir, asma, coidar a auga, modelización matemática de fenómenos reais, enerxías alternativas e práctica electrónica das comunicacións. Todos os traballos realizados presentaranse tamén este mércores a partir das 10:30 horas na sala multiusos do primeiro andar da Residencia Universitaria Monte da Condesa.
Na segunda edición do programa participan en España a Universidade de Santiago e a Autónoma de Madrid e, en Portugal, diversas institucións científicas nas cidades de Lisboa, OPorto, Coimbra, Oeiras, Faro e Aveiro.
ESCIVEA Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e a Axencia Nacional para a Cultura Científica e Tecnolóxica (Ciencia Viva) de Portugal organizan o programa ESCIVE durante o mes de xullo que nesta edición suma un total 120 participantes, 90 españois e 60 portugueses.
As estancias pretenden transmitir aos estudantes a experiencia científica directa, así como os valores e metodoloxía da investigación, resaltando aspectos como a experiencia en laboratorios, a aprendizaxe de busca de información, a capacidade de innovación e a creatividade ou a comunicación de experiencias sempre facendo incidencia na potenciación do traballo de equipo.