Ir o contido principal

Estudantes e egresados de Estalmat Galicia xúntanse este sábado en Matemáticas

No segundo encontro destas características, que reúne once promocións do programa

A Facultade de matemáticas acolle este sábado 21 o segundo Encontro de Estudantes e Egresados de Estalmat-Galicia, que xuntará as once promocións do programa que xa cursaron polo menos un curso.

Con motivo da celebración dos dez anos de implantación do programa o curso pasado iniciouse unha andaina de encontros para fornecer o contacto entre as persoas egresadas do programa ESTALMAT-Galicia. Nesta segunda ocasión, estarán presentes 55 estudantes en representación de todas as promocións, sendo a máis numerosa a novena con 12.

A xornada iniciarase ás 9:45 horas, cando serán recibidos polo comité organizador – deseñou unha forma divertida para que se coñezan empregando unha ‘Speed friending’–, polo profesor responsable do Campamento Matemático, Victor Pollán, e pola coordinadora xeral do programa e decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón.

Xa ás 10:30 horas comezará unha gymkhana matemática dentro e fóra da Facultade que concluirá antes do xantar. Ás 13:30 horas o comité organizador explicará o funcionamento das batallas matemáticas de orixe ruso que se desenvolverán a partir das 16.00 horas e nas que competirán equipos formados por diferentes promocións. A competición consiste en retarse cos problemas preparados, seguindo as normas que son un algoritmo matemático moi lúdico.

Ás 19:30 horas coñeceranse os equipos gañadores e terá lugar o acto de clausura no que serán entregados os diplomas da xornada. Tamén se procederá á entrega por parte da Asociación Galega de Amigos de Estalmat-Galicia (AGAES) dos agasallos aos premiados do Open Matemático do programa de este curso. Intervirán o presidente de Estalmat-Galicia, Juan Manuel Viaño, a profesora Elena Vázquez Cendón e representantes de AGAES.

O comité organizador do encontro está formado polas egresadas Elena Blanco González, Marina López Seoane, Bárbara Rodríguez Presedo e Alicia Seijas Vázquez, e os egresados Fernando Castro Prado, Luís Antonio López Valcárcel, Mauro Paradela del Río, Ramón Daniel Regueiro-Espiño e Iago Velasco López.

Estalmat O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC. O Proxecto ESTALMAT-Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e das Deputacións da Coruña e Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.07.2018.