Ir o contido principal

Estudantes de ensino medio de 11 centros das provincias de Lugo e da Coruña acoden este venres aos ‘Encontros no Campus Terra’

Estudantes de ensino medio procedentes de 11 centros educativos das provincias de Lugo e da Coruña visitan este venres 23 de marzo os centros universitarios da USC radicados en Lugo a través da xornada ‘Encontros no Campus Terra de Lugo’, unha iniciativa enmarcada no programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ e orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos da USC nesta sede universitaria a estudantes preuniversitarios.

O programa desta xornada de achegamento da USC ao estudantado preuniversitario comezará a desenvolverse a partir das 10.45 horas no auditorio da Facultade de Veterinaria, onde o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, dará a benvida aos participantes. De seguido, o coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo, Francisco Javier López González, fará unha presentación xeral do campus lugués. Ao remate desta exposición, un grupo de estudantes universitarios do campus de Lugo compartirá co auditorio as súas respectivas experiencias na USC, ademais doutras vivencias na cidade de Lugo.

Unha vez rematada esta sesión de presentación e benvida, os mozos e mozas presentes, distribuídos en grupos en función das súas preferencias e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completarán itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros. A xornada rematará ás 13.45 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2018.