Ir o contido principal

Estudantes de toda España analizan en Santiago as novas directrices dos servizos sanitarios de urxencias

Será no marco do Congreso Estatal de Estudantes de Enfermería ante o reto das novas urxencias

O XXVI Congreso da Asociación Estatal de Estudantes de Enfermaría reunirá 200 estudantes de toda España arredor de talleres de simulación e avaliación clínica obxectiva e estruturada (ECOE), sesións de divulgación científica e dun simulacro de catástrofes dirixido por persoal do 061. Este encontro celebrarase dende este xoves ata o próximo sábado 13 en Compostela baixo o lema ‘ Profesionais ante as urxencias’. Os principais destinatarios/as desta acción formativa que se organiza a través da Facultade de Enfermaría da USC son o estudantado de diplomatura e grao, así como de doutoramento, máster, enfermeiros/as residentes e titulados/as en activo. A inauguración do Congreso celebrarase este xoves 11 ás 16.30 horas no Aulario Novoa Santos do Complexo Hospitalario Clínico Universitario de Santiago CHUS. No programa alternaranse conferencias con talleres prácticos e mesas redondas que, para comezar, abordarán as saídas profesionais, contando coa testemuña de profesionais con experiencia no eido das urxencias dende múltiples perspectivas. A xornada do 12 de abril, que tamén inclúe a testemuña dun representante de Médicos Sen Fronteiras sobre emerxencias en países en vías de desenvolvemento, estará dedicada ao desenvolvemento de múltiples obradoiros. Así, trataranse dende un enfoque práctico cuestións relacionadas coas vías aéreas e ventilación, Soporte Vital Básico en adultos e nenos/as, atención ás persoas con arritmia e desfibrilación e situacións de parto urxente. O congreso rematará coa celebración dun simulacro de catástrofe que se desenvolverá en cooperación coa Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a celebración da asemblea da Asociación Estatal de Estudantes de Enfermaría. Deseñado e organizado pola Asociación Estatal de Estudantes de Enfermería e a Facultade de Enfermería da USC, o programa conta coa colaboración das Vicerreitorías de Estudantes e de Calidade e Responsabilidade Social, da Dirección Xeral de Mocidade da Xunta de Galicia, Urxencias Sanitarias 061 así como de diversas asociacións científicas de enfermaría e entidades privadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2013.