Ir o contido principal

Estudantes estranxeiros da USC participan este xoves en Santiago no 'International Day'

Proporcionarán información acerca dos seus países aos estudantes da USC interesados en cursar estudos en Universidades de fóra

Os estudantes estranxeiros no campus de Santiago serán estes xoves 21 os protagonistas do ‘International Day’ que se celebrará nun ambiente distendido e festivo na Facultade de Xeografía e Historia co fin de achegar as súas universidades e culturas á comunidade da USC á vez que se promove a mobilidade. Esta xornada celebrouse este mesmo mércores en Lugo con éxito de público.
A inauguración en Santiago do ‘International Day’, organizado pola Vicerreitoría de Política Internacional en colaboración coa Asociación Enxebre Compostela, será ás 16:30 horas e contará coa presenza do vicerreitor Agustín Merino e do decano da Facultade anfitrioa, Juan Monterroso. Logo da benvida terá lugar un concerto da estudante turca Esma Gamze que fará soar o ‘ney’, instrumento musical típico do seu país.
Xa ás 17:30 horas estudantes de Turquía, Filipinas, Kirguizistán, Uzbekistán, Alemaña, Bangladesh, Francia, Brasil, Tayikistán, Perú, Polonia, Grecia, Lituania, Italia, Portugal ou Xapón presentarán os seus países de orixe, con referencias á xeografía, historia, gastronomía e mesmo á vida estudantil en diferentes postos e presentacións preparadas por eles mesmos. As mellores iniciativas recibirán un premio económico de 150 euros. Previamente Pablo Nieto, da Oficina de Relacións Exteriores, presentará os programas de mobilidade da USC.
Coa celebración deste xornada preténdese que os estudantes e profesores da USC coñezan de primeira man outros países, así como as oportunidades de estudo e traballo que ofrecen a través do contacto directo e o intercambio de experiencias cos alumnos estranxeiros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.01.2010.