Estudantes de Galicia e Portugal coñecen o Campus de Lugo nunha xornada de portas abertas
Preto de medio centenar de estudantes de ensino medio e familiares procedentes de toda Galicia e de Portugal achegáronse este venres ao Campus de Lugo da USC co gallo da celebración dunha xornada de portas abertas promovida polo programa A Ponte e durante a que as persoas participantes tiveron a ocasión de coñecer de primeira man e de percorrer as instalacións e a contorna da sede universitaria, ademais de recibir detallada información sobre o título ou títulos de grao que lles resultan máis atractivos.
Acompañados de profesorado, así como doutro persoal da USC, os futuros estudantes que barallan comezar a súa andaina universitaria no Campus de Lugo, visitaron as súas futuras aulas, laboratorios, ademais doutros espazos e instalacións existentes a disposición do estudantado universitario, ao tempo que tamén se enchouparon de información sobre os servizos dos que poden gozar se formalizan a súa matrícula para o próximo curso académico na sede universitaria luguesa.
A xornada, á que se sumaron a maioría dos centros do Campus de Lugo, comezou a mediodía e prolongouse pola tarde con outras dúas quendas de visitas, segundo explicou a coordinada do programa A Ponte na se de universitaria luguesa. Mercedes Novo defendeu a pertinencia desta iniciativa polo importante cupo de potenciais universitarios que representan os “indecidos”, un colectivo que se sitúa ao redor do 25% do alumnado que se matrícula por vez primeira en estudos universitarios. Daquela, engadiu Novo,” algúns dos mozos e mozas que hoxe nos visitan, optaron por completar varios dos itinerarios temáticos ofertados”.
Mercedes Novo precisou neste senso que os tres itinerarios programados e diferenciados por áreas de coñecemento: Ciencias da Saúde (graos en Bioquímica, Veterinaria, Nutrición Humana e Dietética e Enfermaría), Enxeñarías (graos en Robótica, Paisaxe, Enxeñaría Civil, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais) ou Ciencias Sociais e Humanidades (graos en Xestión Cultural, Administración e Dirección de Empresas, Relacións Laborais e Recursos Humanos ou Empresa e Tecnoloxía), teñen a Biblioteca Intercentros como lugar de saída e retorno. De feito, neste enclave considerado como punto de encontro, as persoas participantes tiveron a oportunidade de solicitar información sobre bolsas, residencias universitarias, funcionamento e réxime da biblioteca, así como outros servizos de interese que dispensa o Concello de Lugo, cuxo concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, tamén participou na xornada.