Ir o contido principal

Estudantes de Medicina de España e Portugal reúnense esta semana na Universidade de Santiago

O III CibEMe inaugúrase este mércores 27 en Compostela

Arredor de trescentos estudantes de Medicina de España e Portugal reuniranse na Universidade de Santiago a partir deste mércores 27 e ata o venres 30 no terceiro Congreso Ibérico de Estudantes de Medicina (CibEMe). Nel, entre outras actividades, exporán traballos de investigación realizados nos seus respectivos departamentos.
CibEMe é o único congreso de estudantes de Medicina exclusivamente ibérico que naceu hai dous anos da man da asociación de estudantes AFieMED coa finalidade de promocionar a investigación médica entre os estudantes novos das facultades de Medicina emprazadas na Península. Como en ocasións anteriores, este ano o encontro enfócase cara ás novas tecnoloxías e os progresos médicos no ámbito internacional.
O congreso inaugúrase no Salón de Actos da Facultade de Medicina este mércores 27 ás 9:00 horas nun acto no que participan o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayan; o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro; o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, José María Fraga; a subdirectora xeral de Análise, Avaliación Asistencial e Atención ao Paciente, Estrella López-Pardo; o director operativo do CHUS, Ollando Saavedra; e o presidente do comité científico do congreso, José Ramón González-Juanatey.
Logo da apertura terá lugar unha mesa redonda na que se analizarán as novidades en enfermidades cardiovasculares. Participarán o cardiólogo do Hospital Pedro Hispano de Porto (Portugal), Jorge Polonia; o catedrático González Juanatey; e o catedrático de Neuroloxía da Facultade de Medicina da USC, José Castillo Sánchez.
A sesión matinal completarase con outra mesa de debate sobre emerxencias médicas na que intervirán o director da Fundación Pública 061, Antonio Iglesias; o médico residente de Cardioloxía do CHUS, Pablo Aguiar; e Ramiro Trillo Nouche, do Servizo de Cardioloxía do CHUS.
O primeiro premio, a HarvardEste ano por primeira vez o premio para o mellor traballo científico presentado é unha bolsa, dunha duración dun mes, para participar nun proxecto de investigación na Universidade de Harvard, concretamente na Medical School e no Beth Israel Deaconess Medical Center (Center for Advanced Orthopedic Studies). Alíterá a oportunidade de interaccionar con distintos grupos de investigación, integrados por máis de trinta estudantes de doutoramento e posdoutoramento. As actividades propostas teñen como cerne a bioloxía osteoclástica básica, a transcrición xenética, a bioloxía das citoquinas, a biomecánica e bioloxía do oso e cartílago e a terapia xenética.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2009.