Ir o contido principal

Estudantes de todo o mundo asisten á escola de verán da ETSE sobre a análise do ciclo de vida na procura da sostenibilidade ambiental

Foto de grupo dos participantes na Escola de Verán (Foto: Iria Lema)
Foto de grupo dos participantes na Escola de Verán (Foto: Iria Lema)

Durante toda esta semana ten lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC unha escola de verán para alumnado de doutoramento sobre a aplicación da metodoloxía da análise de ciclo de vida (ACV) na procura da sostenibilidade ambiental, económica e social dos procesos, produtos e servizos.

Enmarcada nas actividades de CRETUS e financiada pola Rede Galega de Tecnoloxías Ambientais e a Rede de Excelencia de ACV, na escola participan relatores de sete institucións de España, Italia, Luxemburgo, Perú e UK. Os participantes son 35 estudantes de doutoramento pertencentes a 20 institucións de nove países: Alemaña, Dinamarca, Eslovenia, Francia, Italia, México, Polonia, Portugal, UK.

A Escola de Verán está organizada polos profesores Gumersindo Feijoo, membro do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental e director do Departamento de Enxeñaría Química da USC, e Javier Dufour, investigador do IMDEA Energía e membro do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade Rey Juan Carlos.

O Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC ten unha forte actividade investigadora na Análise de Ciclo de Vida. Non en van, un estudio bibliométrico sobre a investigación en ACV para o período 1998-2013 publicado no International Journal of Life Cycle Assessment sitúa a España en segundo lugar (7,9% da produción mundial en artigos) e á USC como líder das universidades españolas neste ámbito e a sexta posición no ranquin mundial.

Asemade, este recoñecemento tamén se materializou este ano na incorporación da profesora María Teresa Moreira como editora asociada do Journal Cleaner Production (revista Q1 cun índice de impacto de 5.715).

A Análise do Ciclo de Vida
A norma UNE-EN ISO 14.040:2006 define a ACV como “unha técnica para avaliar os aspectos ambientais e os potencias impactos asociados cun produto mediante a recolección dun inventario das entradas e saídas relevantes dun sistema, a avaliación dos potenciais impactos ambientais asociados con esas entradas e saídas e a interpretación dos resultados das fases de análise e avaliación do impacto en consonancia cos obxectivos do estudio.

As principais aplicacións da ACV atópanse en tres eidos. Por unha banda, no referido á toma de decisións é importante para obter información na definición de estratexias ambientais e definición de leis ambientais e compra verde. No campo da I+D aplícase na caracterización de sistemas de produción, na identificación de accións de mellora e na selección de indicadores ambientais. Por último, a ACV aplícase ao ecodeseño, ecoetiquetado, declaración de productos ‘ ecolóxicos’ e pegadas ambientais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2017.