Estudantes de secundaria e bacharelato divírtense coa ciencia na USC
En quendas de vinte e cinco estudantes cada quincena, a Universidade de Santiago recibe este mes de xullo a estudantes de 4º da ESO e 1º de bacharelato de centros escolares españois e no estranxeiro que participan nos Campus Científicos de Verán 2010 froito da colaboración do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ co Ministerio de Educación e a FECTY. A actividade desenvólvese paralelamente nos institutos e departamentos de investigación adscritos aos Campus de Excelencia Internacional das cidades de Madrid, Barcelona, Santander, Santiago de Compostela, Córdoba e Oviedo. Traballos de investigación A Universidade de Santiago oferta nesta ocasión catro proxectos de investigación: ‘Sistema de tratamento para eliminar o contaminación das augas residuais’, dirixido por Gumersindo Feijooo Costa; ‘Investigación en Ciencias Matemáticas’, de M. Victoria Otero Espinar; ‘Enfermidades dexenerativas. Do laboratorio á clínica’, de José Luis Relova Quinteiro; e ‘A maxia dos hidroxeles intelixentes’, liderado por Juan José Torres Labandeira. Ao comezo do programa os estudantes tiveron que escoller entre dous destes proxectos para participar con pequenos traballos concretos en sesións matinais de 10 a 13:30 horas nas Facultades de Farmacia, Matemáticas e Medicina e a ETSE. Estas sesións de investigación culminarán o último día, neste caso o venres 16, coa súa exposición pública nun acto a celebrar ás 11:00 horas no Centro de Estudos Avanzados. Conferencias Ademais de participar nestes proxectos os estudantes terán ocasión de escoitar a profesores da USC en varias charlas. Así, Ángel Carracedo falará este martes 13 na Aula 1 da Facultade de Matemáticas do xenoma humano, mentres que Enrique Macías Virgos fará o propio sobre as matemáticas o mércores 14 ás 16:30 no mesmo lugar. Estas charlas, que se repetirán na segunda quincena, súmanse á do profesor Jorge Mira sobre a distancia que nos separa do firmamento que pronunciou o primeiro día. O programa inclúe tamén actividades lúdico-deportivas como visitas guiadas, roteiros ou excursións.