Ir o contido principal

Estudantes de secundaria de Galicia analizan en Física datos do LHC nunha sesión do programa International Masterclasses

Estudantes de secundaria de Galicia analizan en Física datos do LHC nunha sesión do programa International Masterclasses
Estudantes de secundaria de Galicia analizan en Física datos do LHC nunha sesión do programa International Masterclasses
Os novos investigadores puideron traballar durante unha xornada como verdadeiros científicos con datos experimentais reais facilitados polo acelerador LHC do CERN

Uns 60 estudantes de ensino secundario de toda Galicia participaron este luns na Facultade de Física nunha das sesións do programa Internacional Masterclasses de Física de Partículas, un programa no que nesta súa décima edición chega a 10.000 estudantes de ensino secundario de 40 países.

A xornada celebrada na Facultade de Física, organizada polos profesores do Departamento de Física de Partículas da USC, Carlos Pajares, Carlos A. Salgado e Cibrán Santamarina, en colaboración co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, permitiu aos estudantes participantes traballar durante un día con datos experimentais do acelerador Large Hadron Collider (LHC) facilitados polo CERN de Xenebra aos novos investigadores. Esta sesión da Internacional Masterclasses de Física de Partículas, que tamén serviu para presentar as celebracións do 60 aniversario da fundación do CERN en Xenebra, permitiu aos novos/as investigadores intentar dar caza ás partículas máis fundamentais traballando con datos reais do acelerador LHC. As Internacional Masterclasses tratan de dar resposta ao interese espertado no campo científico da Física de Partículas tralo descubrimento en 2012 do bosón de Higgs. Nesta liña, este programa internacional achega a estudantes de secundaria a posibilidade de explorar esta Física de vangarda como se fosen verdadeiros científicos. O Large Hadron Collider do CERN preparou con esta finalidade unha versión educacional dos datos de catro dos seus experimentos (ATLAS, CMS, ALICE e LHCb) para empregalos neste programa. Unha das novidades do programa deste ano das Internacional Masterclasses, no que participan 200 científicos de universidades e laboratorios de 40 países, vén dada pola oportunidade que supón o feito de poder analizar datos reais que conteñen o bosón de Higgs.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.03.2014.