Ir o contido principal

Estudantes Sen Fronteiras recada fondos para a escola Camilo José Cela do CHUS

O Aulario Novoa Santos do CHUS e a Facultade de Medicina acollerán de maneira simultánea este xoves 17 ás 10:30 horas a segunda edición do Almorzo Solidario, co que un ano máis se recadarán fondos destinados á escola Camilo José Cela do Hospital Clínico de Santiago.
A actividade está organizada pola asociación sen ánimo de lucro Estudantes Sen Fronteiras (ESF) coa colaboración da cociña do CHUS e das cafetarías da Facultade de Medicina e Solpor. Na primeira edición, este almorzo solidario axudou a financiar a viaxe anual dos nenos da escola ao parque Warner de Madrid.
Integrada por estudantes de Medicina da USC, ESF foi constituída en 2008 como unha plataforma formativa estudantil para desenvolver proxectos no ámbito da medicina humanitaria e de cooperación, tanto no ámbito local como internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2009.