Ir o contido principal

Estudantes de Turismo de Ceará visitan Compostela para coñecer a xestión de destinos culturais

O acto inaugural celebrou na Facultade de Xeografía e Historia presidido polo vicerreitor Victoria Otero Espinar
O acto inaugural celebrou na Facultade de Xeografía e Historia presidido polo vicerreitor Victoria Otero Espinar
Alumnado da Universidade Estadual do Ceará (UECE) participan do 14 ao 18 de outubro nun curso ofertado polo Centro de Estudos Propios da USC
Santiago de Compostela

O Centro de Estudos Turísticos da USC, coa colaboración da Universidade Estadual de Ceará (UECE) celebra ata o próximo venres 18 o curso Planificación turística comparada e experiencias internacionais en materia de turismo, no que un grupo de alumnado da institución brasileira visita a capital de Galicia para coñecer de preto as boas prácticas que se desenvolven na comunidade autónoma neste ámbito. É un curso ofertado polo CEP (Centro de Estudos Propios) da USC.

A visita a Compostela é a primeira aproximación que realizan as universidades despois da sinatura, en 2018 dun convenio bilateral de colaboración. A elección de Galicia como destino do curso baseouse na proximidade lingüística entre galego e portugués, tal e como indica, Jakson Renner Rodrigues Soares, investigador na USC e director do curso, ofertado polo Centro de Estudos Propios da USC (CEP).

O obxectivo principal desta acción formativa é ofrecer ao alumnado coñecementos prácticos de como se pode utilizar o turismo para o desenvolvemento do territorio. Ferramentas de márketing, planificación ou benchmarking ao redor de termos como a experiencia vivida polo turista, a imaxe dos destinos turísticos ou o desenvolvemento sustentable, entre outros, son algúns dos temas que se desenvolverán nas sesións previstas. As conferencias, impartidas por expertos do sector, ofrecerán coñecementos da realidade turística galega.

"Tanto en Galicia como no Ceará comparten ofertas similares, por exemplo, o turismo relixioso consolidado ou turismo no espazo litoral", explica Jakson Soares. Alén disto, no curso tamén se buscarán paralelismos entre as rutas polas zonas vinícolas de Galicia e as cafeteiras de Ceará.

Programa
O acto de inauguración do curso celebrouse sala de profesorado da Facultade de Xeografía e Historia da USC coa asistencia da vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero Espinar; o decano da Facultade, Francisco Durán; o profesor Rubén Lois, en representación do CETUR-IDEGA; ademais de representantes de Turismo da Xunta de Galicia e o profesor Fabio Perdigao, coordinador do mestrado de Xestión de Negocios Turísticos da Universidade Estadual do Ceará.

Dende este luns 14 e ata o sábado 18, o alumnado do curso asistirá a conferencias de expertos como Rubén Lois, Encarna Otero, Sandra Touza, Roberto Sueiro, Ana Munín, Dimas González, Aline Lorenzo ou Fátima Rodríguez, e coñecerán as experiencias de exemplos como o Museo do Pobo Galego, a Film Commision ou o Convention Bureau de Compostela. A visita pecharase cunha ruta enoturística pola Ribeira Sacra. Ademais, o día 17 realizarán unha ofrenda floral a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos ilustres, nunha homenaxe organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Ceará e a UECE
A Universidade Estadual do Ceará é a universidade pública máis destacada do Nordeste brasileiro e conta con 24.000 alumnas e alumnos. Está situada en Fortaleza, na capital do estado, que destaca polo potencial do seu turismo litoral. Millóns de persoas acoden todos os anos ás praias e paraxes de Ceará, así como aos festivais e outros eventos que teñen lugar na rexión.

O Ceará é coñecido como ‘Terra da Luz’, xa que foi o primeiro Estado do Brasil en abolir a escravitude, en 1884, catro anos antes da Lei Áurea. A ‘Terra da Luz’ tamén alude á gran cantidade de días soleados dos que goza no ano. Destaca tamén pola relixiosidade popular (o que xera turismo relixioso) e pola fama de ser gran berce de talentos do humor. Ten unha rica gastronomía local e paisaxes moi distintas e únicas, polo feito de estar nunha rexión semidesértica (Sertão). No marco da colaboración coa USC, a UECE acolleu en maio deste ano a Semana das Letras Galegas, que contou coa presenza de Uxía Senlle e Cesáreo Sánchez Iglesias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2019.