Ir o contido principal

Estudantes da Universidade de Vigo poñen en escena en Santiago a obra de teatro 'Proof', de David Auburn

Estudantes das Facultades de Química e Relacións Laborais da Universidade de Vigo, dirixidos por docentes do Departamento de Matemáticas desa Universidade, representarán este venres 7 a obra de teatro Proof (Demostración), do dramaturgo estadounidense David Auburn. A posta en escena, organizada pola Vicerreitoría de Cultura da USC terá lugar ás 20:00 h na Igrexa da Universidade.
Proof, galardoada cos premios Tony e Pulitzer de teatro, foi estreada no Manhattan Theatre Club de Brodway o 23 de maio de 2000, e acadou as 917 funcións.
ArgumentoCatarina, unha estudante universitaria vese obrigada a abandonar a súa prometedora carreira para se dedicar en exclusiva ao coidado do seu pai, Roberto, un brillante matemático que sofre unha enfermidade mental dexenerativa. Logo da súa morte, Catarina debe enfrontarse á súa irmá Clara, que pretende facerse cargo da súa vida e reconducila cara á normalidade, e a Alberto, un pupilo de seu pai que desexa revisar os escritos deste coa esperanza de atopar algún material inédito aproveitable. A aparición dun caderno cunha demostración matemática fantástica porá a proba aos personaxes.
A obra transcorre integramente na solaina da casa de Roberto e Catarina, en Santiago. Está estruturada en dous actos de catro e cinco escenas, respectivamente. Un par de saltos ao pasado no segundo acto permiten ao público descubrir a realidade de cada personaxe.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2008.