Ir o contido principal

Estudantes da USC culminan con éxito as prácticas externas na Área de Calidade financiadas por Banco Santander

Estudantes da USC culminan con éxito as prácticas externas na Área de Calidade financiadas por Banco Santander
Estudantes da USC culminan con éxito as prácticas externas na Área de Calidade financiadas por Banco Santander

Financiadas polo Banco Santander, sete estudantes de grao da Universidade de Santiago finalizaron as súas prácticas extracurriculares na Área de Calidade e Mellora dos Procedementos. Durante estas prácticas, remuneradas e cunha duración de catro meses, o alumnado desenvolveu en distintos centros da USC tarefas relativas á adaptación do Sistema de Garantía de Calidade á súa nova versión.

Os e as estudantes que remataron as súas prácticas, aumentando así as competencias transversais necesarias para completar a súa formación académica, son Fátima Díaz Freire e Daniel Justo Ramos, do Grao de Pedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación; Nuria García García, de Lingua e literatura galega na Facultade de Filoloxía; Silvia Lage Rivera, de Enxeñaría de procesos químicos industriais da Facultade de Ciencias de Lugo; David Prado Álvarez, de Economía na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; Óscar Rilo Lalín, de Administración e Dirección de Empresas da mesma Facultade, e Andreina Mitsai Vargas Carrión, alumna do Grao en Enxeñaría Civil da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

O alumnado recolleu os seus diplomas acreditativos nun acto no que participaron o vicerreitor de Planificación Estratéxica, Gumersindo Feijoo; o director de Institucións de Santander en Galicia, Luis Pernas, e o responsable da Área de Calidade da USC, Xosé Manuel Villanueva.

Todos eles coincidiron en destacar os “moi satisfactorios resultados” do seu traballo en prácticas, que, en palabras de Villanueva, “redundará no mantemento da calidade do ensino público no ámbito universitario”.

Como lembrou no acto Luis Pernas, estes contratos de prácticas son unha das numerosas actividades que comprende o convenio subscrito hai xa vinte anos entre a institución compostelá e Banco Santander, que cada ano se renova “con novos obxectivos pero sempre apostando pola calidade na educación universitaria”. Neste senso, tal e como avanzou o vicerreitor Feijoo, a equidade na educación, o emprendemento e a empregabilidade serán “os tres eixes nos que se sustentará o novo convenio que asinaremos en breve”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2019.