Ir o contido principal

Estudantes voluntarios da USC aprenderanlles lingua e cultura galega aos alumnos foráneos

A USC pon en marcha o vindeiro curso o Programa de Acompañamento de Estudantes

A Universidade de Santiago porá en marcha o vindeiro curso un programa polo cal estudantes voluntarios ensinarán a cultura e lingua galegas aos alumnos foráneos que o soliciten, ademais de orientalos dentro da propia Universidade. Deste programa poderanse beneficiar os máis de 1.800 estudantes Erasmus, Séneca e de intercambios bilaterais que cada ano se achegan a estudar á Universidade de Santiago.
A iniciativa organízase en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e de Solidariedade e a Mesa pola Normalización Lingüística, dentro do seu Voluntariado de Activación Lingüística (VAL) que ata o de agora está a contar cunha notable aceptación nos eidos onde xa foi desenvolvido.
O Programa de Acompañamento de Estudantes (PAE) da USC presentouse este mércores no Colexio de Fonseca nunha rolda de prensa na que participaron o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández; o director xeral de Xuventude, Rubén Cela; e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón.
O programa prevé diversas actividades en grupo, que comezarán a finais de setembro coa semana de recepción de estudantes foráneos. A primeira xornada, a do día 24, dedicarase a recibir aos estudantes foráneos e a presentar aos acompañantes voluntarios. Xa o mércores 26 os participantes visitarán os dous campus universitarios de Santiago, o Parlamento Galego e coñecerán o patrimonio histórico da USC.
O terceiro día desta semana de recepción dedicarase ao coñecemento da cidade de Santiago, cun roteiro histórico pola zona vella e visitas ao Museo do Pobo Galego e ao Centro Galego de Arte Contemporánea, para rematar cunha representación teatral. Por último, o venres 28 os estudantes foráneos e os acompañantes voluntarios participarán nunha excursión e nunha demostración gastronómica na Escola Superior de Hostalería nunha xornada que culminará coa proxección dun filme en galego.
Os estudantes da USC que desexen ser voluntarios e os estranxeiros que se interesen por participar no programa deberán cubrir os correspondentes cuestionarios na páxina do VAL.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2007.