Ir o contido principal

Un novo estudo asocia o radon coa incidencia do cancro de pulmón en persoas nunca fumadoras

Un novo estudo asocia o radon coa incidencia do cancro de pulmón en persoas nunca fumadoras
Un novo estudo asocia o radon coa incidencia do cancro de pulmón en persoas nunca fumadoras

Investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia, da Facultade de Medicina da USC, acaban de publicar un estudo en Environmental Research, una das revistas máis prestixiosas en epidemioloxía ambiental, no que se observa un aumento do risco de cancro pulmonar asociado á exposición a radon residencial.

A particularidade do traballo, liderado polo profesor Alberto Ruano Raviña, reside no tamaño da mostra -523 casos e 892 controis, todos eles en persoas nunca fumadoras e procedentes de dez hospitais de Galicia, Asturias, Castela e León e Madrid-, que o sitúa como un dos estudos máis importantes sobre radon en cancro de pulmón en nunca fumadores. Os resultados confirman así o radon como primeiro factor de risco de cancro de pulmón en nunca fumadores, tal e como indica a Organización Mundial da Saúde no seu informe de 2009.

Os resultados poñen de manifesto que o radon pode producir cancro pulmonar a partires dos 200 Bq/m3, concentración aínda por baixo da directiva europea sobre radiacións ionizantes, que establece os 300 Bq/m3 como nivel de referencia. Para o profesor Ruano, “estes resultados indican que debería reconsiderarse a redución do límite de referencia marcado pola UE e aliñarse cos 200 Bq/m3 de Irlanda, Reino Unido ou Canadá. Mesmo os Estados Unidos teñen dende 1988 como nivel máximo 150 Bq/m3”.

O cancro de pulmón en nunca fumadores representa aproximadamente o 15-25% dos casos da enfermidade, e a súa epidemioloxía está pouco desenvolvida. O que di este estudo é que existe unha relación directa entre concentración de radon e risco de cancro de pulmón, “mais é unha relación probabilística”, aclara Alberto Ruano . “Do mesmo xeito que non todos os fumadores desenvolven cancro de pulmón, non todas as persoas con radon elevado na súa casa o terán”. O doutor da USC advirte ademais que a magnitude do risco da enfermidade debido a este gas é moito menor que a que asociada ao tabaco. Iso si, a primeira recomendación para alguén con nivel alto de radon no seu domicilio é que non fume “nin esa persoa nin os ocupantes da vivenda, xa que o risco se multiplica”.

Os datos do estudo suxiren ademais que a exposición ao radon está asociada con todos os tipos histolóxicos de cancro de pulmón incluíndo o adenocarcinoma, que actualmente é o tipo histolóxico máis frecuente para esta enfermidade.

A investigación foi financiada pola Xunta de Galicia e o Fondo de Investigacións Sanitarias e forma parte da tese de doutoramento da primeira autora, María Lorenzo González, tamén dirixida polo profesor Xoan Miguel Barros Dios, director do Laboratorio de Radon de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2019.