Ir o contido principal

Un estudo constata que a erosión xenética ameaza a supervivencia a longo prazo do lince ibérico

A pesar da favorable recuperación do lince ibérico, a súa supervivencia a longo prazo atópase ameazada debido á erosión xenética
A pesar da favorable recuperación do lince ibérico, a súa supervivencia a longo prazo atópase ameazada debido á erosión xenética
A investigación na que participa Carme Pacín establece que é preciso chegar a 1.100 femias reprodutoras para garantir a viabilidade da especie
Santiago de Compostela

O lince ibérico amosou unha traxectoria demográfica favorable na última década como consecuencia das medidas de conservación adoptadas. Con todo, a viabilidade da especie aínda se atopa comprometida por factores xenéticos. Agora, un estudo publicado en Animal Conservation e do que forma parte María do Carme Pacín Salvador, pertencente ao grupo Ecotoxicoloxía e Ecofisioloxía vexetal da USC, abordou as condicións necesarias para que a especie alcance a viabilidade xenética a longo prazo, testando distintos escenarios que difiren no número de subpoboacións, o seu tamaño e a conectividade entre elas. Así, a investigación conclúe que é imprescindible acadar o número de 1.100 femias reprodutoras, aumentando o tamaño das subpoboacións entre un 50-200%, así como o número de subpoboacións, creando oito núcleos adicionais aos xa existentes.  

O artigo titulado ‘Evaluation of the genetic viability of metapopulation scenarios for the Iberian lynx’ está tamén asinado por G. Garrote da Axencia de Medio Ambiente e Auga de Andalucía, e por J. A. Godoy da Estación Biolóxica de Doñana-CSIC. “A pesar da favorable recuperación do lince ibérico, a súa supervivencia a longo prazo atópase ameazada debido á erosión xenética que presenta. Neste estudo analizamos as condicións necesarias para que a especie alcance a viabilidade xenética a longo prazo”, explica Carme Pacín.

Migracións e novos hábitats

Outro dos puntos nos que incide o estudo é na necesidade de incrementar a conexión entre as subpoboacións. Así, o ideal sería acadar taxas de migración próximas ao 0,1% entre comunidades veciñas. “O estudo amosa que crear poboacións pequenas e illadas non contribúe en absoluto á viabilidade xenética da especie, e que debe favorecerse, na medida do posible, o crecemento das poboacións por riba da creación doutras novas”, matiza a investigadora.

Tal e como relata o equipo investigador, a escaseza de zonas con densidade suficiente de coello europeo, a principal presa do lince ibérico, dificulta o incremento desexado. Con todo, estudos recentes suxiren “unha maior plasticidade ecolóxica do lince do que se esperaba anteriormente”, matizan. Neste senso, hábitats considerados subóptimos, ou mesmo inadecuados para a especie no pasado, están a ser utilizados polo lince ibérico, como é o caso dos oliveirais. “Isto abre novas posibilidades naquelas áreas onde a capacidade de carga, orixinalmente avaliada en base ao hábitat de matogueira mediterránea, pode ser moito maior ao considerar os hábitats agrícolas adxacentes, permitindo que as subpoblaciones actuais e futuras medren ata os tamaños contemplados neste estudo”, conclúen.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.07.2023.