Ir o contido principal

Un estudo evidencia que máis do 70% dos cosméticos de longa duración non cumpre coa lexislación vixente

Laura Rubio Lareu desenvolveu innovadoras metodoloxías analíticas na súa tese de doutoramento
Laura Rubio Lareu desenvolveu innovadoras metodoloxías analíticas na súa tese de doutoramento
“Os resultados amosaron que a maioría non ten a composición esperada, polo que son produtos fraudulentos”, apunta a investigadora da USC Laura Rubio Lareu
Santiago de Compostela

A ampla gama de ingredientes nas formulacións cosméticas dispoñibles actualmente no mercado, así como a potencial presenza de impurezas procedentes das materias primas ou do proceso de fabricación, poden implicar riscos para a saúde dos consumidores. Coa vontade de garantir a calidade e a seguridade dos cosméticos, a investigadora do CRETUS da USC Laura Rubio Lareu desenvolveu innovadoras metodoloxías analíticas coas que logrou evidenciar como a maioría dos cosméticos con características extremas —maquillaxe de longa duración, resistente á auga, ou de elevada permanencia, entre outros— non cumpren cos requirimentos da lexislación vixente.

“Os resultados amosaron que a maioría non ten a composición esperada, polo que son produtos fraudulentos, carecen de etiqueta e ademais presentan metais pesados, incumprindo tamén a regulación vixente de cosméticos”, apunta a investigadora. “Todo isto súmase á súa fácil dispoñibilidade no mercado en liña e á posibilidade de que nenos e nenas poidan verse involucrados”, engade a autora desta investigación desenvolvida no Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (LIDSA) da Facultade de Química da USC.

Os traballos incluídos nesta tese de doutoramento abarcaron a determinación de familias de compostos moi utilizados en cosmética —un total de ata 70 ingredientes, incluíndo plastificantes, conservantes ou fragrancias— así como a caracterización doutros cosméticos con características extremas e coñecidos pola súa maior permanencia. Respecto a estes últimos, máis do 70% non cumpren coa regulación de cosméticos e máis do 30% tampouco contan cunha etiquetaxe correcta, aclara a investigadora. Tamén se consideraron produtos con características fronteirizas como as tatuaxes e tinturas capilares temporais de orixe vexetal, englobando aquelas a base de henna e jagua. Os resultados amosaron que a maioría non conteñen os ingredientes activos esperados.

De acordo ás novas demandas de produtos máis sustentables de cosmética natural, tamén se analizaron aceites esenciais comerciais e extractos naturais diversos con aplicacións como ingredientes naturais en cosméticos. “A pesar de que conteñen compoñentes bioactivos potencialmente beneficiosos para a saúde e tamén concretamente para a pel, a adición destes pode incorporar outras substancias aromáticas que se consideran alérxenos de contacto para os seres humanos”, relata a investigadora. De aí que sexa preciso identificar e avaliar a súa presenza en produtos cosméticos que os inclúan na súa formulación.

Análise e control dos ingredientes

“As metodoloxías desenvolvidas ao longo da tese implicaron técnicas de preparación de mostra que fosen, na medida do posible, sinxelas, rápidas, de baixo custo, miniaturizadas e amigables co medio ambiente”, explica a investigadora. De maneira xeral, a determinación instrumental foi levada a cabo empregando cromatografía —tanto de gases como de líquidos— acoplada a espectrometría de masas de baixa e alta resolución. Ademais, diferentes enfoques metodolóxicos que implicaron o uso doutros detectores cromatográficos, e outras técnicas espectrométricas e espectrofotométricas, foron tamén aplicados. Demostrouse así a capacidade destas metodoloxías tanto para a análise e control dos ingredientes obxectivo como para a caracterización en profundidade dos produtos cosméticos considerados.

“Nos últimos anos, a preocupación pola imaxe desencadea una demanda que medra vigorosamente e un elevado consumo diario de produtos cosméticos e de coidado persoal”, explica Laura Rubio. “Isto supón un alto grao de exposición a multitude de compoñentes, polo que existe un crecente interese social polo control da calidade e seguridade destes produtos”, engade.

Cualificación

A investigación doutoral, dirixida polas profesoras Carmen García Jares e Marta Lores, viuse reflectida en varias publicacións en revistas internacionais de impacto no ámbito da Química Analítica (Analytical and Bioanalytical Chemistry ou RSC Advances) así como noutras relacionadas co sector cosmético (Cosmetics) e presentados en diversos congresos de ámbito estatal e internacional. O tribunal encargado de avaliar o traballo acordou por unanimidade concederlle a cualificación de sobresaínte cum laude.

 

Laura Rubio xunto coas directoras e os membros do tribunal da tese
Laura Rubio xunto coas directoras e os membros do tribunal da tese
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.01.2023.